SUPERCEREBRO E SUPERINSULÍTICA SON DOUS DOS SUPERHEROES DE ENTROIDO QUE CREARON OS NENOS E NENAS NA AULA HOSPITALARIA DO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 02 2020

O entroido chegaba esta mañá á aula hospitalaria do terceiro andar do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Os nenos e nenas disfrazábanse de superheroes e superheroinas con traxes especialmente deseñados e configurados por eles mesmos. A mestra da aula hospitalaria que coordina o proxecto, Pilar Porta Rodríguez, explicou que trala boa acollida do ano anterior traballan dende hai semanas coas enfermidades e a “creación de heroes con poderes que fagan máis doado enfrontarse á mesma, e á propia estancia no centro hospitalario”. Os nenos e nenas definiron o poder, puxéronlle un nome ó seu personaxe, e algúns deles detallaron incluso como sería a súa vestimenta.
Os alumnos e alumnas fixéronos reais na festa de entroido desta mañá. Algúns dos protagonistas son Estomagoman, que “cura as enfermidades do estómago”; Superinsulítica, que ten “o poder de controlar a diabetes”; Superdiabética, que “cura os nenos con diabetes co vento cando pasa preto deles”; ou Supercerebro, “que cura os nenos que teñen virus na cabeza soprando”. A mestra destaca un ano máis a colaboración dos e das profesionais do Complexo en facer posible esta actividade: as enfermeiras da UCI de Pediatría, que axudaron a concretar eses deseños; as costureiras da Lavandería que fixeron posibles as supercapas; e a Cociña, que aportou os doces do entroido á festa. Durante esta mañá, os nenos e nenas axudados polos voluntarios do Programa Avó, cóntame e cántame que me encanta, perfeccionaron, remataron, e déronlle vida a estes especiais e poderosos disfraces.
“A idea xorde dun traballo por proxectos, é dicir, que aglutina distintas competencias e ámbitos curriculares, como a escritura e a creatividade artística, e a educación en saúde, a través da asignación de superporedes cos que os nenos afrontan os seus medos a través do xogo e da creatividade”, explica a mestra Pilar Porta. Este ano, como novidade, tamén traballaron materiais de entroido en colaboración co CEIP A Magdalena de As Pontes, que cederon actividades e xogos elaborados polos nenos deste CEIP especialmente para os nenos e nenas da aula hospitalaria. Un deses materiais de colaboración intercentros era un libro peculiar onde os nenos falaban tamén das enfermidades e accidentes polos que pasaran.
 
Aula hospitalaria e actividades de colaboración
Lembrar que a Aula Hospitalaria funciona nesta área sanitaria dende xuño de 2007, na que se inaugurou. Ten unha capacidade para 30 nenos e nenas entre os 1 e os 18 anos. Por este espazo educativo e lúdico pasan unha media diaria de 6 nenos. Conta cun lugar de reunión de pais e profesionais, con arquivo de material, e xa a Aula Hospitalaria propiamente dita que se divide nunha serie de espazos funcionais. A zona de Educación Infantil está dedicada ós máis pequenos, alumnas e alumnos escolarizados en educación infantil, de tres a seis anos; unha segunda zona de Educación Primaria, pensada para ofertar resposta educativa a un abano de rapaces entre os seis e os doce anos; un recuncho de lectura; e un recuncho de novas tecnoloxías con equipamento para traballos, e con e conexión vía Internet con outras aulas. Normalmente, en horario de mañá, a mestra abrangue os obxectivos de tipo pedagóxico e curricular; e, xa pola tarde, compleméntase este labor con actividades que favorecen que o procese de hospitalización sexa máis ameno.
Ó longo do ano son moitas as actividades que se desenvolven e para iso conta con entidades colaboradoras. Un proxecto coa UDC, os alumnos e alumnas da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol e desta aula hospitalaria aprenden xuntos os sistemas básicos do corpo humano a través do programa Aprendemos saúde cos alumnos de Enfermaría, seguindo a liña de colaboración entre o Campus de Ferrol e o Servizo Galego de Saúde; á que se sumaba a colaboración coa USC, a través do proxecto, A maleta das emerxencias pedagóxicas.
Tamén están os voluntarios da Asociación ADRA, cunha serie de actividades no marco do programa Avó, cóntame e cántame que me encanta, nas que maiores e pequenos comparten teatro, fotos, chistes, contos, e traballos manuais. Esta área foi a primeira en pór en marcha esta iniciativa en Galicia. A aula hospitalaria da Área Sanitaria de Ferrol comezaba as actividades con Scrap en 2016, actividades de papiroflexia para nenos e pais. Por último, lembrar tamén a colaboración dos voluntarios da Cruz Vermella, que traballan cos cativos e cativas os martes e os sábados, a través de moi distintas actividades.

SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss