Unha nova técnica introducida polo CHUS recoñecida como a mellor acción innovadora da sanidade pública galega
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
21 02 2020

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020.- Profesionais da área sanitaria de Santiago de Compostela recibiron onte o premio á mellor Acción investigadora / innovadora na entrega dos IV Premios Redacción Médica á Sanidade de Galicia, nun acto presidido polo Presidente da Xunta de Galicia. O hospital Clínico introduciu o pasado ano unha novidosa técnica de cirurxía radioguiada intraoperatoria para tumores pulmonares reducidos, da que xa se beneficiaron 8 doentes (5 mulleres e 3 homes) na que interveñen 3 servizos: Cirurxía Torácica, Medicina Nuclear e Radioloxía.

 

 
Grazas a esta técnica foi posible a localización precisa e resección completa do tumor pulmonar en todos os casos. Non se produciron complicacións postoperatorias e os pacientes foron enviados de alta hospitalaria ao seu domicilio entre as 24 e 48 horas despois da intervención cirúrxica. O tamaño dos tumores resecados oscilou entre 5mm e 16 mm e o diagnóstico foi de malignidade en 6 casos. Na actualidade todos os pacientes atópanse ben e sen secuelas derivadas do procedemento.
 
Na última década, o diagnóstico dos nódulos pulmonares foi incrementándose de forma notable debido á melloría na sensibilidade das técnicas de imaxe e ao seu uso rutineiro. Unha alta porcentaxe destes nódulos pulmonares poden ser malignos, polo que o seu diagnóstico precoz é fundamental.
 
A cirurxía radioguiada dos nódulos pulmonares (ROLL pulmonar) é un procedemento innovador para a detección de nódulos pulmonares de difícil palpación e abordaxe cirúrxica, e require unha completa sincronización e colaboración entre os servizos involucrados: Cirurxía Torácica, Medicina Nuclear e Radioloxía.
 
A técnica iníciase 24 horas antes da cirurxía, cunha inxección intrapulmonar, dirixida mediante un estudo tomográfico, dunha solución que contén macroagregados de albúmina marcados radiactivamente con tecnecio MAA-99Tc e un contraste iodado. Posteriormente, realízase un control tomográfico e gammagráfico para previr calquera complicación que se poida presentar e comprobar que a inxección está no lugar adecuado.
 
Ao día seguinte realízase en quirófano unha vídeo-toracoscopia, procedemento minimamente invasivo, cunha baixa morbilidade e cun tempo de hospitalización moi curto. Durante a cirurxía procédese á localización cunha sonda de detección gamma (Probe) da área de máxima intensidade de sinal numérico e acústica radioactiva e finalmente procédese á resección cirúrxica da lesión e posterior estudo en Anatomía Patolóxica.
 
Xa se beneficiaron os primeiros 8 doentes desta nova técnica empregada no Hospital Clínico polos doutores García Prim (xefe de servizo de Cirurxía Torácica), Miguel Garrido Pumar, do servizo de Medicina Nuclear, e Anxo Martínez de Alegría, do servizo de Radioloxía, que acudiron onte ao acto de entrega de premios xunto ao xefe do servizo de Medicina Nuclear, Alvaro Ruibal.
 
 

 

 

 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss