O SERGAS REFORZA PERSOAL DESTINADO A RECOLLER MOSTRAS DE CORONAVIRUS A DOMICILIO, TÉCNICOS PARA REALIZAR AS PROBAS EN MICROBIOLOXÍA E PERSOAS PARA ATENCIÓN TELEFÓNICA DO 061
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 03 2020
 

​O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa anunciou hoxe, tras unha xuntanza da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19, que o Sergas ven de reforzarse con 60 profesionais máis para facer fronte ao coronavirus. Polo de agora estes reforzos están destinados aos equipos que recollen mostras para analizar a domicilio; os servizos de prevención dos hospitais e os de microbioloxía que realizan as probas; e para a atención telefónica do 061.

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade vén de poñer a disposición da poboación o teléfono 902 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas. Polo de agora recibíronse 656 chamadas nestas liñas.

Sanidade remarca que hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus.

Protocolos

Desde o comezo da alerta consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.

 

Ademais, tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e control en Galicia, cómo actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos pacientes e cómo elaborar as enquisas de cada caso para facer un seguimento.

 
Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación claros e teñen capacidade demostrada para o seu manexo. Estes protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.
 
Recomendacións
A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss