A UNIDADE DE INSUFICIENCIA CARDÍACA DO SERVIZO DE CARDIOLOXÍA DO CHUF É ACREDITADA COMO EXCELENTE POLA SOCIEDADE ESPAÑOLA DE CARDIOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 03 2020

A Sociedade Española de Cardioloxía acreditou como excelente a Unidade de Insuficiencia Cardíaca do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O especialista en Cardioloxía, Manuel López Pérez, recollía esta mañá a acreditación en nome do Servizo, na Casa do Corazón en Madrid. A Sociedade Española de Cardioloxía acredita a excelencia dos hospitais españois en diferentes procesos e procedementos desta especialidade máis relevantes.
Esta Sociedade audita os centros co obxectivo de mellorar a prevención, o diagnóstico e o tratamento das enfermidades cardiovasculares. Como explica o su presidente, Ángel Cequier “é importante garantir a calidade dos procesos asistenciais reducindo a variabilidade na práctica clínica e aumentando a seguridade dos procedementos”. Para esta acreditación, establécense un conxunto de estándares de calidade que deben reunir os servizos ou unidades que soliciten a acreditación, como por exemplo, que teñan profesional de cardioloxía especializado, hospital de día, enfermaría ou integración con servizos implicados. É un proceso complexo, que integra a medición, a comparación con estes estándares e a auditoría para lograr finalmente a dita acreditación.
Unidade de Insuficiencia Cardíaca
O CHUF conta cunha consulta específica e comunitaria de Insuficiencia Cardíaca dende decembro de 2016, co obxectivo de mellorar a morbimortalidade dos pacientes con esta patoloxía da Área Sanitaria de Ferrol. Foi creada segundo as recomendacións de diferentes sociedades científicas, como a Sociedade Europea de Cardioloxía, e nela intégrase o manexo de pacientes complexos con esta patoloxía e en colaboración coa Enfermaría, Medicina Interna-Unidade de Crónicos, Hospitalización a Domicilio e a atención primaria, para o coidado particular deste grupo de enfermos.
Nesta Unidade, instrúese ós enfermos á hora de detectar descompensacións, que se poden tratar no Hospital de Día e así evitar ingresos e reingresos hospitalarios, xa que, indican dende a Unidade, “ o paciente é un piar clave no tratamento“ e “unha boa educación sobre a súa enfermidade e o seu tratamento é primordial”.
A insuficiencia cardíaca é unha das enfermidades cardiovasculares que esta a cobrar maior importancia, ó se-la vía final de moitas enfermidades cardiovasculares. Trátase dunha síndrome que se produce cando o corazón se debilita e deixa de bombear correctamente. Isto produce que os órganos e tecidos non reciban nutrientes suficientes, e, tamén, que sen acumulen líquidos a diferentes niveis. É unha enfermidade descoñecida, se se compara co infarto de miocardio, por exemplo, a pesar de que é moi prevalente. Estímase que entre un 1% e un 2% da poboación adulta a padece, e estas cifras chegan case ó 10% en persoas maiores de 80 anos. É a primeira causa de ingresos hospitalarios non cirúrxicos en maiores de 65 anos.
Aínda que o manexo do paciente é complexo e require coidados, cóntase con medidas preventivas e tratamentos eficaces. Unha dieta equilibrada, previr a obesidade, realizar exercicio físico moderado, non fumar, e evitar a hipertensión, o colesterol elevado e a diabetes preveñen o risco de desenvolver insuficiencia cardíaca.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss