AS ANÁLISES CONFIRMAN A INFECCIÓN POR CORONAVIRUS NUN PACIENTE PROCEDENTE DE MADRID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 03 2020
 

​As análises realizadas no Servizo de Urxencias do CHUAC, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, a un paciente procedente de Madrid confirman a infección por coronavirus dunha persoa  que se atopa illada no hospital, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Este é primeiro caso positivo confirmado en Galicia.

Trátase dun home de 49 anos, procedente de Madrid, que se presentou con sintomatoloxía respiratoria no servizo de urxencias dos CHUAC e ao que se lle solicita a proba de diagnóstico de COVID-19 ante a presenza dunha neumonía bilateral nun contexto clínico de infección vírica.
 
A Dirección Xeral de Saúde Pública está seguindo o protocolo e xa iniciou  o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.
 
Sanidade remarca que hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus.
 
Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas.
 
Protocolos
Desde o comezo da alerta por coronavirus, consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.
 
Ademais, tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e control en Galicia, cómo actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos pacientes e cómo elaborar as enquisas de cada caso para facer un seguimento.
 
Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación claros e teñen capacidade demostrada para o seu manexo. Estes protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.

 

Recomendacións

A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss