HOXE COMEZOU A FUNCIONAR A NOVA COCIÑA CENTRAL DO HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 03 2020

Tras unha intensa etapa de formación, testado dos novos equipos e sistemas de distribución, o persoal da Sección de Cociña e Alimentación do Hospital Universitario de Ourense estreou hoxe as súas novas e modernas instalacións, nas que desde agora se prepará os menús para todos os pacientes ingresados.


Ademais da formación do persoal e contacto cos novos equipamentos, estes últimos días realizouse en distintas unidades de hospitalización a pilotaxe do funcionamento das novas estacións de retermalización e carros de distribución, que permiten levar, de cociña a pé de cama, os menús nas mellores condicións de temperatura e sabor, con todas as medidas de seguridade.


As valoracións dos pacientes incluidos no piloto son do mais satisfactorio, tanto en canto a calidade da comida e súa temperatura, como do novo equipamento de menaxe, xa que todo, vaixela, cubertos, vasos, bandexas son novas e moito mais funcionais.


Hoxe tamén estreouse o novo comedor de persoal de garda, instalacións que veñen de ser totalmente equipadas, renovando mobiliario e decoración, e situado xusto ao carón da nova cociña, ben comunicado e próximo ao resto de servizos asistenciais.


A mellor cociña hospitalaria do país

Para o equipamento e adaptación das novas instalacións o Servizo Galego de Saúde investíu un orzamento total de 5.278.000 €. Deles 3.750.000 correspóndense co equipamento e instalacións, e 1.528.000 a compra dos novos carros de cociña, de distribución, estacións nodriza e vaixelas, que permitirán levar os alimentos nas mellores condicións de temperatura, organolépticas e con plena seguridade.


As novas instalacións duplican en extensión ás actuais, pasando de 700 aos 1.500 metros cadrados de superficie, con luz natural na maioría dos espazos de traballo do servizo, ademais de climatización e distribución por areas e postos de traballo, mellora moi esperada polo persoal do servizo.


Xunto coa total renovación do equipamento e instalacións, o Servizo Galego de Saúde apostou polo mantemento do emprego público e por poñer en valor a experiencia e cualificación do persoal que desenvolve e xestiona este servizo, con 50 anos de traxectoria no Hospital Universitario, e que agora terá a súa disposición novas alternativas para continuar sendo un dos servizos mellor valorados polos ourensans, tralo seu paso polo hospital, pola calidade do produto e súa elaboración.


N

unha aposta pola calidade, pese a que as novas instalacións automatizan e axilizan moitas das tarefas manuais que se viñan realizando nas vellas instalacións de cociña, non se reducirá ningunha praza de persoal. De feito, ademais de manter ás actuais de pinches, óptase pola especialización, con catro novos especialistas en dietas e nutrición e un cociñeiro mais, que se integran nun cadro de persoal composto por mais dun centenar de traballadores, entre os que figuran pinches, cociñeiros, dietistas e auxiliares administrativos, todos eles persoal propio do Sergas, que xestionan e desenvolven esta labor as 24 horas do día os 365 días do ano.


1.200.000 comidas anuais

A cociña do Hospital Universitario de Ourense reparte un total de un millón dous centas mil comidas anuais, nos catro servizos que dispensa ao día, almorzo, xantar, merenda e cea, nos que o paciente ten posibilidade de elección diaria do menú cara o día seguinte.


Os produtos utilizados, sometidos a un exhaustivo control sanitario, son sempre de primeira calidade, atendendo á estacionalidade e a demanda do mercado, e na súa maioría provenientes de provedores ourensáns e galegos.


A cociña do hospital prepara, ademais do menú basal, outras trinta dietas distintas cada día, segundo sexa a patoloxía do paciente. Dando así resposta ás restricións nutricionais pautadas polo persoal sanitario que o atende, e os nutricionistas e dietistas do servizo.





EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde