​A CONSELLERÍA DE SANIDADE SOLICITA O USO RESPONSABLE DO TELÉFONO GRATUÍTO 900 400 116 COMO NÚMERO EXCLUSIVO PARA A ATENCIÓN AO CORONAVIRUS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
13 03 2020

​A Consellería de Sanidade fai un chamamento á cidadanía galega para que utilice de xeito responsable o teléfono gratuíto 900 400 116 como número exclusivo de atención a todas as consultas relacionas co coronavirus. Esto inclúe tanto as solicitudes de información como as consultas daquelas persoas que teñan síntomas leves de coronavirus e que estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus.

O día 11, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xestiona ambos os dous números de teléfono, atendeu 5.392 chamadas de demanda sanitaria procedentes dos teléfonos 061 e 900 400 116. Trátase do número máis alto de chamadas atendidas desde a creación da Central de Coordinación no ano 1995. Se atendemos ás chamadas relacionadas co coronavirus, no número 061 atendéronse 1.258 chamadas e no 900 400 116 foron atendidas 588.
 
Reforzo técnico e persoal
Así, a Consellería de Sanidade está a reforzar de xeito inmediato e progresivo  o número de liñas telefónicas destinadas ao 900 400 116 aumentando desde as 40 liñas con que conta actualmente ata as 100. Do mesmo xeito, na Central de Coordinación, que, ao inicio da semana, xa aumentou o persoal de operación telefónica en tres teleoperadores por quenda, engadirá outros catro novos teleoperadores por quenda de xeito inmediato, pasando de nove teleoperadores a 16. Tamén se incrementou o número de médicos que pasaron de sete a 10 e de enfermeiros que aumentaron dun enfermeiro a catro.
 

Cando vostede chame ao 900 400 116 será atendido por persoal teleoperador que lle realizará un interrogatorio telefónico para establecer a prioridade da súa chamada. No caso de que non presente síntomas de coronavirus, o teleoperador derivaralle a unha locución informativa con recomendacións para evitar o contaxio por coronavirus. No caso de consideralo necesario, será atendido por persoal médico ou enfermeiro que daralle instrucións sobre como actuar.

Deste xeito, o 061 manterase como o teléfono exclusivo para a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia. Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria, deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.
 
Recomendacións
A Consellería de Sanidade quere recordar que, a día de hoxe, a Comunidade Autónoma de Galicia conta cunha das taxas máis baixas de persoas infectadas polo coronavirus a nivel nacional e reitera, unha vez máis que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias. Na maioría dos casos, a infección por este virus é similar a un arrefriado común.
 

Para evitar un posible contaxio, vostede debe seguir as seguintes recomendacións:
- Lávese as mans frecuentemente con auga e xabón.
- Evite tocarse os ollos, o nariz e a boca se non ten as mans limpas.
- Se tose ou espirra, cúbrase a boca e o nariz co cóbado ou use un pano de papel e tíreo inmediatamente a unha papeleira. Despois, lávase as mans.
Ademais, non se recomenda o uso de máscaras como medida de protección en persoas sas.

No caso de que vostede teña febre, tose ou dificultade respiratoria e estivera nunha zona de risco ou tivera contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus, chame ao 900 400 116. Tras o interrogatorio telefónico, valorarase a necesidade de ser atendido por un médico ou un enfermeiro que lle dará ás instrucións a seguir.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss