O SERGAS FORTALECEU AS ÁREAS DE URXENCIAS, HOSPITALIZACIÓN, CRÍTICOS E ATENCIÓN DOMICILIARIA CON MÁIS DE 1.500 REFORZOS DE PERSOAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 04 2020

​Esta mañá tivo lugar unha xuntanza da Comisión central de seguridade e saúde na que participaron responsables do Servizo Galego de Saúde e representantes sindicais para informar de diversos temas relacionados coa seguridade dos profesionais sanitarios na pandemia do Covid-19.

Así, destacouse o aumento nos reforzos de persoal, máis de 1.500, do Servizo Galego de Saúde para diminuir as cargas de traballo dos profesionais e reforzar o persoal en diversas áreas. Estes reforzos destináronse as áreas de urxencia, hospitalización e críticos; servizos de medicina preventiva e microbioloxía; e á creación de equipos hospitalarios de atención domiciliaria e covid-auto.
 
A estas medidas sumáronse outras para apoiar o traballo dos profesionais. Entre elas destacouse que, dende o principio da pandemia, recoñecéronse os períodos de illamento ou contaxio dos profesionais por mor do Covid-19 como situación asimilada a accidente de traballo. Ademais regulouse que os profesionais con nomeamento temporal de carácter eventual, en situación de incapacidade temporal por contaxio o illamento, manterán a vixencia do nomeamento como mínimo ata que se lles dea a alta médica.
 
Así mesmo destacáronse outras medidas como a aprobación dun Plan específico de prevención de riscos laboral por Covid-19, a de formación online en prevención de riscos biolóxicos, o fomento das modalidades non presenciais de traballo e de medidas que permitan a flexibilización da xornada. Tamén se estableceron medidas en relación ao acompañamento de pacientes dirixidas a manter boas prácticas de prevención para a protección de pacientes e traballadores; o uso de hoteis e aloxamentos para os profesionais e atención psicolóxica para sanitarios.
 
Equipamentos de protección individual e tests
Tratouse tamén nesta xuntanza o problema do desabastecemento mundial de equipamentos de protección individual (EPIs), destacando que xa dende febreiro, antes da declaración do estado de alarma, o Sergas comezou a mercar material e que vai seguir facendoo. Fíxose fincapé en que o Servizo Galego de Saúde mercou 15 milóns de máscaras.
 
No referido aos tests que se lles realizan aos profesionais, explicouse que hai un protocolo. Son tests de dobre banda en caso de que os PCR dean un resultado dubidoso.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss