O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal,
presentou
esta mañá -telematicamente- aos profesionais sanitarios o Plan de
Reactivación Asistencial en Atención Primaria, en relación coa
infección pola Covid-19, que elaborou a Consellería de Sanidade en
colaboración cos diferentes colexios profesionais, sociedades
científicas e asociacións do eido sanitario.
Na
compaña do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e os membros
do Comité de Xestión da Crise Asistencial pola Covid-19: o médico
de familia da área sanitaria de Lugo, Benjamín Abarca Buján; o
médico de familia da área sanitaria de Ourense, Xosé Luis Muiño
López-Álvarez; e a enfermeira da área sanitaria de Santiago,
Ángeles Mera Cornes;
o director xeral de Asistencia Sanitaria debullou a estratexia
confeccionada polo Sergas e que se ha desenvolver dun xeito
progresivo, desde o momento actual até o vindeiro mes de xuño. Así,
o Plan de Reactivación da Asistencia da Atención Primaria establece
un conxunto de medidas coas que se procura optimizar o funcionamento
dos centros de saúde namentres perdure a pandemia.
A
Atención Primaria xoga un papel relevante dentro da fase de
recuperación da normalidade, e será estratéxica a detección
precoz de novos casos de contaxio. Porén, e co fín de evitar unha
nova onda epidémica, ante a mínina sospeita de infección por
Covid-19, os propios médicos de familia poderán solicitar a
realización das PCR as súas unidades hospitalarias de referencia.
Entre
as medidas definidas, destácanse a potenciación da atención
telefónica, a citación espallada de pacientes para evitar
aglomeracións nos centros de saúde, o impulso da atención
domiciliaria e o teleseguemento, ou a limitación do acceso de
persoas nos centros de saúde e control do seu aforo que, por motivos
de seguridade, continuará a verse limitado.
Un
Plan de Reactivación Asistencial flexible
O
Plan de organización asistencial gozará dunha flexibilidade que lle
permitirá adaptarse de acordo á situación epidemiolóxica
existente en cada área ou territorio, contando, así mesmo, con
diferentes escenarios, segundo sexan as necesidades.
Así,
cada centro de atención primaria contará, polo menos, cun
responsable de xestión do coronavirus e, na medida do posible dous
(persoal médico e de enfermería). Asemade, tamén haberá un
profesional de referencia especializado en centros sociosanitarios.
Do
mesmo xeito, e coa intención de evitar a propagación do
coronavirus, cada centro sanitario procurará contar con dous
circuitos diferenciados; un destinado aos pacientes Covid, e outro,
para o resto de doenzas. Non obstante, se as dimensións dos centros
sanitarios non permitisen esta diferenciación, valoraríase a
posibilidade de atender comarcalmente aos pacientes con
sintomatoloxía Covid.
Respecto
das axendas profesionais, segundo avancen as fases, o persoal
sanitario irá recuperando as actividades suspendidas polo xurdimento
da pandemia mediante unha avaliación continua. Así,
corresponderalle a cada servizo de atención primaria a
reorganización das devanditas axendas en función das necesidades.
Cabe subliñar que, a recuperación das actividades programadas
prestará especial atención aos pacientes máis fráxiles ou
vulnerables, e tamén porá o foco naqueles casos en que, por mór da
pandemia, se lle supenderan unha ou máis citas.
Entre
as medidas que achega o plan, inclúense as que se abordarán dun
xeito específico nas diferentes especialidades sanitarias como son:
a atención pediátrica, que manterá un circuíto diferenciado; a
atención obstétrica, cuxas consultas prenatais e puerperais
realizaranse preferiblemente de xeito telefónico; as unidades de
saúde bucodental, que retomarán progresivamente as actividades
programadas con equipos de protección individual integrais; as
unidades de fisioterapia, que recuperaran a súa actividade seguindo
criterios de prioridade patolóxica e menor risco de contaxio; a
atención farmaceutica, que mesturará a atención telefónica e
presencial procurando evitar desprazamentos innecesarios aos centros
sanitarios; e as unidades de atención de traballo social sanitario,
que se centrarán na detección proactiva de pacientes en situación
de risco e exclusión social.
O
Plan de Reactivación Asistencial tamén procura impulsar a detección
precoz de novos casos en atención primaria e, para elo, continuará
a informar á poboación das medidas de prevención máis axeitadas
en cada momento.
Sanidade
fomentará o seguemento compartido dos datos de pacientes Covid-19
entre a atención primaria e a atención hospitalaria e, ademais,
actualizará a formación dos profesionais da atención primaria no
manexo clínico de pacientes Covid-19. Así, ante un posible caso de
Covid-19, activarase un protocolo de atención non presencial no que
se identificaran aos contactos máis estreitos da persoa contaxiada
e, de ser preciso, sinalaraselles a necesidade de gardar corentena
domiciliaria durante 14 días.
Medidas
de seguridade para o persoal sanitario e non sanitario dos centros
No
eido da prevención dos riscos laborais, os centros de saúde estarán
dotados do material necesario para a protección individual dos
traballadores, contando cunhas EPI’s proporcionais e axeitadas aos
riscos aos que se deban expór os profesionais do centro.
O
Plan de Reactivación Asistencial da Atención Primaria, aposta por
darlle continuidade ás actividades formativas e informativas
dirixidas ao persoal sanitario e non sanitario dos centros de
atención primaria, co obxecto de mellorar os protocolos de actuación
ante a aparición de posibles casos de Covid-19.
Porén,
as xerencias de cada unha das áreas sanitarias continuarán
difundido os protocolos de actuación establecidos polo Servizo
Galego de Saúde e adoptarán cantas medidas sexan precisas para que
o número de profesionais expostos á Covid-19 sexa o mínimo
imprescindible. Así, os espazos definidos para a atención de casos
de coronavirus deberán manterse en circuitos diferenciados e, se é
posible, estar emprazados en lugares próximos á entrada do centro.
No
caso de que un paciente acuda a un centro sanitario con
sintomatoloxía Covid-19, este deberá colocarse unha máscara
cirúrxica e, de non facelo dun xeito proactivo, os profesionais do
centro indicaranlle da obriga de protexerse coa mesma. Sobre este
particular, os pacientes que evidencien sintomatoloxía Covid-19,
deberán ser separados do resto de pacientes e, asemade, ser
dirixidos de forma inmediata ás zonas habilitadas para os pacientes
Covid-19. De acordo con isto, durante as primeiras etapas da
reactivación asistencial manteranse os equipos específicos creados
para a atención dos pacientes con sintomatoloxía Covid-19 pero, na
medida en que as circunstancias o permitan, estes grupos de
profesionais irán retomando paseniñamente as actividades
asistenciais previas á pandemia.
Finalmente,
e dentro das estratexias deseñadas para aos espazos sanitarios,
compre destacar que se intensificarán as tarefas de limpeza e
desinfección tanto das estancias dos centros como dos diferentes
equipos de traballo.