A sanidade pública compostelá poderá aplicar radioterapia no bloque cirúrxico grazas a un acelerador móbil, cun custo de medio millón de euros
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 05 2020

Santiago, 14 de maio.- O Servizo Galego de Saúde ven de iniciar o proceso para a adquisición dun acelerador lineal intraoperatorio de última xeración para o Hospital Clínico Universitario de Santiago. Esta novidosa tecnoloxía vai permitir administrar radioterapia durante a cirurxía de extirpación de tumores sen ter que mover ao paciente da mesa do quirófano no que está sendo intervido. Trátase dun equipo móbil, que terá un orzamento de 1.458.000 euros, deseñado especificamente para aplicar doses de radiación terapéutica de alta precisión durante o acto cirúrxico, cunhas dimensións axustadas para poder trasladalo con facilidade entre diferentes salas de cirurxía.

 

Coa adquisición deste aparato, que será o primeiro co que conte a sanidade pública galega e un dos poucos que existen no sistema sanitario español, aumentará o número de doentes que se beneficiarán desta técnica xa que incrementa a calidade e a seguridade polo que os procedementos combinados de radioterapia e cirurxía poderán aplicarse a máis doenzas. O Hospital Clínico de Santiago xa é referencia en Galicia para esta complexa técnica que ata agora requiría mover ao paciente dende a mesa do quirófano ata o búnker do acelerador lineal convencional para irradiar as zonas do campo cirúrxico trala extirpación do tumor e posteriormente retornar de novo á sala de operacións para finalizar a intervención.
A radioterapia intraoperatoria (RIO) é unha técnica que ten por obxecto administrar unha dose de irradiación única, elevada e de máxima exactitude durante a cirurxía tumoral, que se pode aplicar sobre leito cirúrxico unha vez extirpado o tumor, para eliminar residuos microscópicos que non poidan ser extirpados coa cirurxía. “O desenvolvemento de aceleradores lineais portátiles de electróns como o que ten en proceso de adquisición o Servizo Galego de Saúde para utilizar dentro do quirófano, ven a proporcionar un importante plus de seguridade, efectividade e rapidez a este procedemento”, subliña o xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva da área compostelá, Manuel Bustamante.
Xunto ao acelerador lineal portátil tamén se achegará ata a mesma mesa de operacións un avanzado sistema de adquisición de imaxes que facilitará a visión do campo cirúrxico. “En definitiva, con esta tecnoloxía non será necesario trasladar ao paciente, minimizando riscos, reducindo a duración do tratamento e incrementando a capacidade para tratar doentes con radioterapia”, subliña o xefe do Servizo de Cirurxía Xeral.
Realizar Radioterapia Intraoperatoria dentro do bloque cirúrxico grazas ao novo equipo móbil, permitirá incrementar os doentes que se benefician desta técnica, xa que se poderá aplicar a doenzas nas que ata o de agora non se podía. Así, se estaba indicada no tratamento de diferentes tumores malignos pélvicos e de recto, especialmente recidivas, coa incorporación da nova aparataxe poderá aplicarse tamén a algúns cancros de mama, páncreas e sarcomas. Segundo Antonio Gómez, xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica “a principal vantaxe de utilizar radioterapia intraoperatoria é a posibilidade e administrar doses moi altas de radiación nun solo acto, coincidindo co tratamento cirúrxico do tumor, isto te permite visualizar a zona á que vas administrar o tratamento e ao mesmo tempo protexer os órganos que poida haber ao redor da zona a irradiar.”
Referencia desde 2012
O Hospital Clínico de Santiago de Compostela, ven realizando dende 2012 a técnica de radioterapia intraoperatoria con acelerador convencional dentro do búnker de radioterapia, sendo dos poucos centros do sistema nacional de saúde que o realiza e o único de Galicia.
A realización da radioterapia intraoperatoria nun centro sanitario precisa dunha grande implicación dos profesionais e servizos que a poñen en marcha debido á complexidade organizativa que ocasiona. Na súa realización participan ata 7 servizos, principalmente os de Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía Xeral e Dixestiva e Radiofísica, apoiados polos de Anestesioloxía e Reanimación, Anatomía Patolóxica, Radiodiagnóstico e Oncoloxía Médica.
A licitación que permitirá poñer a disposición dos pacientes esta tecnoloxía foi enviada o 7 de mayo de 2020 á Oficina de Publicaciones de la Unión Europea e ten como orzamento máximo 1.458.050,00 € (IVA incluido). A data límite para a presentación de ofertas por parte dos operadores económicos é o 25 de maio.
Este concurso entra dentro do Convenio asinado coa Fundación Amancio Ortega para dotar da tecnoloxía más avanzada aos servizos oncolóxicos galegos.
 

 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss