O SERGAS SOLICITALLE AO MINISTERIO DE SANIDADE PASAR Á FASE 2 DA DESESCALADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 05 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareceu esta mañá en rolda de prensa telemática para informar que o Sergas xa lle trasladou na xornada de onte un informe ao Ministerio de Sanidade no que solicita o pase da comunidade galega á segunda fase da desescalada.

Na compaña do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e máis o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, Almuíña destacou as medidas de fortalecemento que incorporou nas últimas semanas o Servizo Galego de Saúde á hora de detectar e diagnosticar novos casos sospeitosos de infección por Covid-19, como son: a nova plataforma de seguimento de contactos de persoas infectadas ou o reforzo dos laboratorios de microbioloxía cos que xa se poden realizar 6.500 probas PCR ao día.

Respecto da nova plataforma de seguimento de contactos, o conselleiro de Sanidade sinalou que nas últimas horas se detectaron 3 novos casos e que a taxa de contactos contaxiados por positivo é do 2’2%. En canto á realización de probas aos profesionais sanitarios,  apuntou que durante a presente semana completarase o 100% das probas do primeiro cribado.

O informe enviado por Sanidade, está composto por 107 páginas e inclúe un total de 55 indicadores que miden a evolución da pandemia da Covid-19 en Galicia, e que atenden a criterios asistenciais, recursos e equipamentos de protección, recursos de laboratorio, control das fontes de infección, recursos humanos ou o control da situación nas residenciais da terceira idade e de persoas con discapacidade.

O titular de Sanidade, tamén anunciou que desde a comunidade galega presentarase unha alegación respecto das visitas ás residencias de maiores e persoas con discapacidade, unha cuestión para a que dende a Xunta se deseñara un estrito protocolo e que agora, de acordo, á confirmación do Ministerio de Sanidade, poderá ser incluído por cadansúa comunidade autónoma na fase 2.

Así mesmo, o informe trasladado polo departamento sanitario galego pón o foco nas limitacións de mobilidade existentes nas catro provincias galegas e subliña, que 306 dos 313 concellos da nosas comunidade, non teñen casos de transmisión comunitaria durante os últimos tres días. Nesta mesma liña, tamén se solicitan menores limitacións para aqueles concellos con menos de 10.000 habitantes.

Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, informou que desde a Atención Primaria se identificaron 2.453 casos sospeitosos de Covid-19 e que, tras realizárllelas probas ao 100% destes pacientes, un total de 40 persoas deron positivo.

Sobre o informe que se lle trasladou ao Ministerio de Sanidade, Aboal, destacou que este xa incorpora os datos actualizados do seguimento de casos que se está facendo desde Galicia, a mellora da capacidade de resposta que mantén o sistema sanitario galego á hora de realizar PCR, así como o amplo número de probas realizadas aos profesionais sanitarios.

Finalmente, o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, puxo o foco no descenso da curva de contaxios en Galicia, e en que, a maior parte dos concellos galegos están libres de transmisión comunitaria.

 
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss