SANIDADE ENTREGA OS I PREMIOS Á INNOVACIÓN EN SAÚDE DO SISTEMA PÚBLICO DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
17 06 2020
A Consellería de Sanidade fixo entrega esta mañá dos I Premios á Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia que promove a  Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).
 
Nesta primeira edición do certame, e de acordo ás dúas modalidades convocadas -profesional e pacientes-, o proxecto premiado na categoría profesional foi o presentado polas doutoras da área sanitaria de Ferrol, Nuria Oliver, Maria Dolores Álvarez e Rosa Arroyo, consistente no desenvolvemento dun instrumento que permita explorar e obter a fotografía do fondo ocular coa axuda dunha lente de condensación de 20 e/ou 28 dioptrías e un smartphone.
 
Así mesmo, na categoría de pacientes, o proxecto galardoado foi presentado por Andrés Núñez Gonzalez, quen desde a área sanitaria de Santiago, propuxo a creación dunha unidade multidisciplinar de formación e capacitación nos coidados e atención de nenos con doenzas graves, e na que os pais e nais destes menores, tras seren formados polo persoal da Unidade Pediátrica de Crónicos Paliativos, pasarían a ser posteriormente formadores dos seguintes país.
 
Así, e tras felicitar aos galardoados, o titular de Sanidade destacou o potencial dos 70 proxectos que se presentaron a esta primeira edición, e aseverou que as achegas realizadas polos participantes contribuirán á xeración duns servizos públicos de maior calidade e cos que se poderá dar unha mellor resposta aos retos que presenta a nosa sociedade.
 
 
Grande acollida con 70 proxectos de innovación e 11 finalistas
O conselleiro de Sanidade, tamén remarcou durante a súa intervención a boa acollida que tivo a convocatoria do certame, sinalando que nas súas dúas categorías -profesional e pacientes-, presentáronse un total de 70 proxectos vencellados á innovación sanitaria.
 
Así, precisou que desde as sete áreas sanitarias galegas achegáronse 56 iniciativas desde eido profesional, e outras 14 candidaturas desde a categoría de pacientes, organizacións ou asociacións sen ánimo de lucro que traballan de xeito directo ou indirecto, na procura dun Sistema Público de Saúde máis innovador e eficiente.
 
De entre todas elas, 11 chegaron até a final do certame, converténdose nos dous primeiros proxectos gañadores: o desenvolvemento do uso do smartphone na captura de retinografías, e máis a Escola de Familias en Coidados Paliativos Pediátricos.
 
Finalmente, e en referencia a aposta pola innovación sanitaria que vén desenvolvendo o Sergas durante os últimos anos, Almuiña tamén puxo en valor o traballo que desenvolve a Plataforma de Innovación Sanitaria, na procura de recoller e valorar novas ideas e proxectos que sexan aplicables á realidade sanitaria do Sistema Galego de Saúde.
 
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss