OURENSE CONTINÚA EN ALERTA MANTENDO A CONTRATACIÓN DE 233 PROFESIONAIS EVENTUAIS QUE LOITARON FRONTE Á COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
17 06 2020

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mantense alerta ante posibles repontes da pandemia, mantendo aos 233 profesionais eventuais, contratados desde a declaración do estado de alarma, que estiveron na primeira liña de loita fronte a Covid, nas plantas e UCIs Covid dos tres hospitais públicos, nas residencias integradas e nos equipos de seguemento a domicilio e recollida de mostras.


O maior número de profesionais de reforzo son sanitarios. Un total de 214 persoas inscritas nas listas de contratación temporal do servizo Galego de Saúde nas categorías de enfermería, 121, e técnicos de coidados auxiliares de enfermería (ou TCAE) 93.


Por centros o maior volume de contratacións temporais o asume o Hospital Universitario de Ourense que mantén a 191 profesionais de reforzo. A maioría tamén de enfermeria, 99; 75 TCAE; 9 celadores e 5 técnicos superiores de laboratorio e de radioloxía, ademais de tres auxiliares administrativos.


O persoal médico forneceuse con 40 profesionais mais, ademais de novas gardas vinculadas á vixilancia Covid, que se manteñen na actualidade nos servizos de Medicina Preventiva e Microbioloxía, que prestan desde o inicio da pandemia un servizo 24 horas, todos os días da semana.


Plantas, UCI e Residencias Integradas

Desde o inicio da pandemia, a maior porcentaxe de persoal contratado na nosa provincia incorporáronse ás plantas Covid, Unidades de Críticos e seguidamente ás residencias integradas. Un amplo grupo de profesionais de enfermería, TCAE, celadores, médicos e persoal administrativo, que estiveron adicados específicamente á asistencia nas unidades residenciais medicalizadas de Piñor e Os Miragres, asi como na de Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, unha vez se intervíu.


Xunto a todos eles, hai que destacar o traballo indispensable dos equipos de continuidade e vixilancia dos pacientes en illamento domiciliario, maioritariamente desenvolvido por persoal de enfermería de atención primaria xunto aos novos especialistas das áreas médicas e de enfermería, así como os novos graduados en medicina, que foron fundamentais para detectar calquera empeoramento e actuación inmediata.


Como eles, tamén o persoal de enfermería e auxiliares contratados para as unidades de recollida de mostras para diagnóstico (PCR), tanto a domicilio como nos catro puntos de CovAuto postos en marcha na nosa provincia, foron quen de desempeñar con exemplaridade unha situación e un traballo totalmente inédito, e que hoxe forma parte xa da normalidade asistencial.


Desde a dirección da Área Sanitaria deséxase facer público o seu agradecemento tanto a este persoal que continúa contratado, grazas a decisión da Consellería de Sanidade de prorrogar os contratos xerados desde a declaración do estado de alarma, como medida de extraordinaria de prevención que se mantén por precaución, como a todos aqueles que non se puideron beneficiar desta medida e contribuiron co seu traballo a loitar contra a pandemia.​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss