ADOS ORGANIZA UNHA XORNADA SOBRE INTERVENCIÓN XUDICIAL EN DOAZÓN DE ÓRGANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 06 2020

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, inaugurou hoxe, no Edificio Administrativo do Sergas, unha Xornada sobre intervención xudicial en doazón de órganos controlada tipo III de Maastricht: Aspectos ético e legais, que está organizada pola Coordinación autonómica de transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), organismo dependente da Consellería de Sanidade.

O motivo desta xornada é ofrecer un marco de encontro aos integrantes do colectivo xudicial, médicos forenses, coordinadores de transplantes, comités de ética asistencial e responsables de unidades de críticos e urxencias, para conseguir unha mellor coordinación nas actuacións das que cada colectivo é responsable no ámbito da doazón en asistolia controlada. Nesta xornada hai inscritos máis de 70 profesionais procedentes dos colectivos anteriormente citados.

No acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que España desenvolve unha actividade extraordinaria de doazón e transplante, sendo líder mundial durante case tres décadas. Tamén remarcou que Galicia superou o seu rexistro histórico en canto ao número de doadores, sendo a terceira comunidade que máis incrementou o número, cun aumento do 17,2% con respecto ao ano anterior, o que lle permitiu situarse nunha taxa de 50,6 doadores por millón de habitantes, co que supera a media nacional de 48,9.
 
O conselleiro remarcou que nos transplantes, ademais dos coordinadores hospitalarios e os profesionais da Organización Nacional de Transplantes, tamén hai moitos outros profesionais que poden participar en todo o proceso e cuxo labor é inestimable como son: a policía, os bombeiros, os pilotos e os controladores aéreos.
 
Tamén destacou Almuiña o traballo imprescindible dos comités de ética asistencial e a colaboración dos xuices e os médicos forenses, naqueles casos que se require por lei a intervención xudicial.
 
O máximo responsable da sanidade pública galega agradeceu á directora do IMELGA, Beatríz Otero Abadín, e ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, o seu apoio para a realización deste curso, así como o respaldo da Organización Nacional de Transplantes.
 
O acto contou coa presenza da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marísa López García, e da coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño, e coa intervención por videoconferencia do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como da directora do IMELGA.
 
Sinalar que o curso conta, entre os seus ponentes, co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria, José Luis López del Moral Echevarría.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss