A CONSELLERÍA DE SANIDADE INFORMA DA DETECCIÓN DUN BROTE DE 8 CASOS POSITIVOS DE CORONAVIRUS NA COMARCA DA MARIÑA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 06 2020

A Consellería de Sanidade informa que a Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas detectaron a aparición dun brote de coronavirus na comarca de A Mariña. En concreto, ata o momento, detectáronse 8 casos positivos en coronavirus no Concello de Xove. Todos eles pertencen ao círculo familiar no que se rexistrou o primeiro caso.

Trátase, pois, dun brote familiar de infección por Covid-19 que se detectou onte pola tarde no Concello de Xove. A partir desta confirmación, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada. Ata o momento, mediante as probas realizadas, confírmase a existencia de 8 positivos en Covid-19 (incluído o caso inicial), 4 negativos e 25 máis pendentes de resultado.
 
Desde o momento no que o Sergas detectou o primeiro positivo do foco identificado, na tarde de onte, activouse o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo.
 
Neste momento, dos oito casos positivos a maioría son asintomáticos, agás dous que presentan sintomatoloxía de carácter leve, máis teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ningún afectado tivo que ser hospitalizado.
 

A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos.

Dende o Sergas queremos destacar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social.

 
A Consellería de Sanidade reitera á  cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa Covid-19.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss