TRES POSITIVOS MÁIS ELEVAN A 11 OS CASOS DE CORONAVIRUS RELACIONADOS CO BROTE DE XOVE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
25 06 2020

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas hoxe, confírmanse outros tres casos positivos de persoas afectadas por Covid-19, o que eleva a 11 o número de casos do brote inicial detectado en Xove pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

Trátase dun brote familiar de infección por Covid-19 que se detectou na tarde do martes no Concello de Xove. A partir desta confirmación, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada. Das 26 probas realizadas hoxe, confírmase a existencia de 3 casos positivos en Covid-19 máis (o que eleva a 11 o número de casos do brote de Xove). Outras 23 probas arroxaron resultado negativo.
 

Desde a detección do primeiro positivo do foco identificado activouse, de forma inmediata, o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos.

Dos 11 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ningún afectado dos positivos do brote detectado en Xove tivo que ser hospitalizado.
 

A Consellería de Sanidade segue a rastrexar a persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos.

Así mesmo informar que, á marxe deste brote,  nestes momentos na comarca de A Mariña hai outros tres positivos por Covid-19. Un dos pacientes está ingresado no Hospital Público da Mariña e os outros dous permanecen en seguimento domiciliario.
 

Dende o Sergas queremos destacar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social.

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa Covid-19.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss