A Área Sanitaria Compostela inicia a prescrición electrónica de farmacia no servizo de urxencias
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 07 2020

Santiago, 30 de xuño de 2020-  A área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza iniciou a prescrición electrónica farmacéutica no Servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago quedando así instalada esta funcionalidade en todos os servizos do hospital. Dada a súa variabilidade e complexidade, a súa posta en marcha nutriuse da experiencia do uso noutras unidades hospitalarias.

 

Aproximadamente a metade dos erros graves de medicación débense á falta de información relativa ao paciente e/ou á medicación. A prescrición manual de tratamentos pode ser causa de erros por ambigüidade das prescricións, ilexibilidade, erros de cálculo ou erros de transcrición. “Os sistemas de prescrición electrónica demostraron ser unha das principais ferramentas para garantir a seguridade nun dos procesos fundamentais da utilización de medicamentos, como é a prescrición”, destaca Paloma Sempere, farmacéutica hospitalaria da área sanitaria compostelá, quen xunto ao médico de Urxencias, Enrique Villena, desenvolveu o proxecto. Segundo diversos estudos, “estímase que a prescrición electrónica pode evitar ata nun 65% os erros de medicación”, destaca Sempere.
O Servizo de Urxencias do CHUS atende aproximadamente a unha media de 300 pacientes diarios e constitúe unha das principais portas de entrada á hospitalización, co que, ademais da necesaria rapidez na atención e a elevada rotación de pacientes, atopámonos con puntos de transición asistencial, considerados críticos para a aparición de eventos adversos. “A prescrición electrónica do tratamento do paciente na súa atención en urxencias favorece a continuidade asistencial do paciente, no seu paso de urxencias a hospitalización”, afirma Paloma Sempere ao tempo que lembra que o persoal médico e de enfermería da planta de hospitalización pode consultar tanto a prescrición como a administración dos medicamentos (en que momento se iniciou un antibiótico, cando se administrou a última dose dun anticoagulante…)
Co anterior sistema en formato papel isto era posible, pero moito menos directo e rápido. O programa de prescrición electrónica envorca todos os datos á historia clínica electrónica IANUS. En posteriores ingresos, desde consultas externas, atención primaria e en caso de atención noutras áreas de xestión integrada, poderase consultar o tratamento administrado en cada episodio de atención no servizo de urxencias do CHUS.
A seguridade que achega a prescrición electrónica vese completada coa dispensación dos medicamentos a través de Sistemas Automatizados de Dispensación de Medicamentos. O programa de prescrición electrónica conéctase co dispensador automático. O persoal de enfermería pode comprobar as prescricións do paciente directamente no dispensador automático, evitando erros de medicación. Os dispensadores automáticos de medicamentos alertan ao Servizo de Farmacia cando algún fármaco se atopa baixo mínimos, de forma que aseguramos a continua dispoñibilidade dos medicamentos no Servizo de Urxencias.
 
Os Servizos de Urxencias Hospitalarias son unidades que presentan un elevado risco de eventos adversos, debido fundamentalmente ás características intrínsecas da atención urxente. Segundo o informe nacional do grupo EVADUR, da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, estímase que un 12% dos pacientes atendidos en urxencias sofren un incidente ou evento adverso. E deste 12% de eventos adversos, un 23% está relacionado directamente coa medicación.
 

 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss