O 061 ESTÁ A REALIZAR AS PROBAS DE DETECCIÓN DO CORONAVIRUS AO PERSOAL DO CENTRO INTEGRADO DE ATENCIÓN ÁS EMERXENCIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 07 2020
 O persoal de enfermería da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está a realizar as probas para a detección da Covid-19 ao persoal que realiza a súa actividade laboral no CIAE (Centro Integrado de Atención ás Emerxencias) da Estrada. O número de traballadores do CIAE supera as 340 persoas e inclúe persoal da Axega (Axencia Galega de Emerxencias), persoal sanitario e non sanitario do 061 de Galicia, persoal do 112 e traballadores doutros servizos de concesión pública (persoal de operación telefónica, persoal de mantemento e persoal de limpeza).

 

A realización das probas para a detección do coronavirus é de carácter voluntario e o persoal que estea disposto a facelas terá que comunicalo previamente. Respecto ás datas para a toma de mostras, cóntase coa opción de realizalas a partir de mañá, xoves 9 de xullo, en varias datas ata completar o 100% dos traballadores que soliciten facela.

 

Test de dobre banda
 

As probas para a detección da Covid-19, baseadas en test de dobre banda, realizaranse nas propias instalacións do CIAE e consistirán na toma de mostras de sangue co obxectivo de detectar posibles anticorpos no organismo como resposta á infección por este tipo de coronavirus.

 

A realización das probas para a detección da Covid-19 ao persoal que desenvolve a súa actividade laboral nas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada súmase á realización de test ao persoal sanitario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos técnicos en emerxencias sanitarias (TES), da Rede de transporte sanitario urxente, que xa foron efectuados nos pasados meses dentro do protocolo para a detección da infección polo virus SARS-COV-2 nos profesionais do Sergas.

 

Desde a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 solicítase á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves por coronavirus e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves. Así mesmo, a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da Comunidade Autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa Covid-19.

 

 

 
 

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde