O BROTE DE CORONAVIRUS DA MARIÑA REDÚCESE EN 21 CASOS ACTIVOS RESPECTO AO DÍA DE ONTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 07 2020
 

Nas últimas horas reduciuse en 21 o número de casos activos relacionados co brote de Covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Todas as probas realizadas ata esta mañá  resultaron negativas, o que implica que o brote non sumou ningún caso positivo nesta última xornada. A maiores, nas últimas horas, un total de 21 persoas positivas en Covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 163, 21 menos ca onte. Dende o inicio do brote e ata o día de hoxe son máis de cincuenta as persoas afectadas por Covid-19 e vencelladas ao brote que xa están curadas e foron dadas de alta.

De todas as PCR realizadas no día de onte a persoas relacionadas con este brote, ningunha arroxou resultado positivo. Todas foron negativas. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.
 
Así mesmo, destacar que todos os novos positivos que se foron detectando nesta área estaban relacionados co brote, o que permitiu seguir a trazabilidade dos casos e continuar na estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión e conter o brote.
O primeiro caso de infección por Covid-19 no brote da Mariña detectouse o martes 23  de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas.
 
Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.
 
Dos 163 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.
 
O departamento sanitario da Xunta actuou e segue a actuar con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, realizando un rastrexo masivo de todos os contactos que foron xurdindo, o que está a permitir controlar o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas  necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial  do Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias no menor tempo posible.
 
No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, dicir que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida para acotalo canto antes, aínda que nestes momentos está controlado.
 
Destacar tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público da Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostraron nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento e seguimento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prolongando a súa actividade o tempo necesario; así como co intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.
 
Dende o Sergas queremos lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, gardar a distancia física de seguridade,  hixiene de mans…
 
A Consellería de Sanidade reitera á  cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss