O EQUIPO MULTIDISCIPLINAR DE ENFERMIDADE INFLAMATORIA INTESTINAL DO CHUF REALIZA A SÚA PRIMEIRA CIRURXÍA CON CÉLULAS NAI
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
17 07 2020

​O equipo multidisciplinar de Inflamatoria Intestinal do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realiza o primeiro tratamento da fístula perianal con terapia celular aloxénica na Área Sanitaria de Ferrol, é dicir, con células nai vivas procedentes de persoas sans, que se ten amosado como a máis efectiva en fístulas de Crohn refractarias. Esta mañá, unha persoa cunha fístula perianal provocada por esta enfermidade de Crohn, un tipo de enfermidade inflamatoria intestinal, recibía as células nai vivas no quirófano do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá.

Esta é a terceira experiencia en Galicia con células nai, e que realiza unha Unidade de referencia e acreditada para iso como é a Unidade de Inflamatoria Intestinal do Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. A especialista en Dixestivo e responsable da Unidade, Ana Echarri Piudo destaca que “este procedemento é o resultado de contar cun equipo multidicisciplinar con experiencia, acreditado, e coa formación previa que permite este novo avance”.
Perfil do paciente e comité multidisciplinar
Esta terapia celular aloxénica consiste en inxectar células nai vivas no entorno da lesión tras un tratamento cirúrxico previo, “estas células teñen un efecto inmunomodulador”, explica este especialista, que axuda co proceso de cicatrización da fístula. O perfil do paciente que pode recibir este tratamento ten que se “valorar moi concisamente e en conxunto”, e é moi concreto, xa que ten que responder a unhas características determinadas, como o número de orificios da fístula, non ter abscesos ou afectación inflamatoria rectal antes do procedemento, ou ter fracasado a atención coas terapias biolóxicas previas, entre outras.
Os casos son valoradas polo Comité multidisciplinar na Unidade que establece a indicación e o seguimento. No Servizo de Radiodiagnóstico, realízase unha resonancia magnética previa que estuda e define o ámbito sobre o que actuar, “posteriormente, faise outra ós seis meses para o control da eficacia e a evolución”, explica o radiólogo Carlos Gallego Ojea. A farmacéutica, Nieves Valcarce Pardeiro, do Servizo de Farmacia, destaca que “é a primeira terapia celular con células vivas que se vai empregar no hospital e implica unha trazabilidade e un control moi exhaustivo da conservación para manter a viabilidade das células”.
Esta terapia ten dous pasos, unha cirurxía previa para preparación da área afectada, e a intervención para a inxección das células que realizaba hoxe o Servizo de Cirurxía. O cirurxián, Ramón López de los Reyes, destaca que “é un tratamento protocolizado para a súa aplicación en unidades acreditadas e con formación previa. Son necesarios uns requisitos e o cumprimento duns criterios clínicos; e faise unha avaliación consensuada nun equipo multidisciplinar, que é un valor fundamental”.
Que é a enfermidade perianal
Coñécese como enfermidade perianal a calquera anomalía ou alteración da zona do ano e do recto, asociada á enfermidade inflamatoria intestinal (EII). Preséntase en maior medida en pacientes con enfermidade de Crohn, especialmente en casos de afectación inflamatoria rectal. A sintomatoloxía asociada a esta enfermidade limita as actividades e a calidade de vida dos pacientes que a padecen, e, nese senso, este tratamento supón unha nova opción terapéutica para eles. En aproximadamente un 10% dos pacientes con enfermidade de Crohn, a primeira manifestación é a aparición destas anomalías anorrectais, principalmente abscesos e fístulas.
Unidade certificada en calidade
Lembrar que a Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi a primeira de Galicia en contar cun Comité Multidisciplinar, dende o ano 2013; e, tamén a primeira que, no 2018, recibía a certificación de calidade, e co maior grao de excelencia, por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (Geteccu), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal. Para a consecución desta certificación Buerau Veritas realiza unha auditoría na que se fai unha baremación de máis de 50 indicadores de procesos e resultados.
Precisamente un dos aspectos destacados para recibir esta certificación é o carácter interdisciplinar da Unidade, que conta co mencionado Comité, onde se consensúan os distintos casos, e que hoxe fai posible este importante avance para os pacientes na Área Sanitaria de Ferrol.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss