O SERVIZO DE CARDIOLOXÍA DO CHUF REALIZA O SEGUIMENTO DOS PACIENTES CON MARCAPASOS NOS CENTROS SOCIOSANITARIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
18 08 2020

A Unidade de Marcapasos do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) implícase novamente en facilitar o control remoto dos pacientes portadores de marcapasos; e os profesionais desta Unidade desprazábanse esta mañá a nove residencias sociosanitarias da Área Sanitaria de Ferrol para facer o seguimento a un total de 31 pacientes. O obxectivo é realizar a monitorización de marcapasos de forma remota e, como indica o especialista en Cardioloxía desta Unidade, Fernando García López, “ en época Covid, tense visto que estes pacientes son fráxiles e de alto risco, e así diminúese o risco ó limitar a mobilidade e as visitas; e créase un vínculo directo ó Servizo de Cardioloxía”. Esta mañá estivo acompañado tamén pola profesional de Enfermaría da Unidade, Concepción Miralles Frutos.
 

O obxectivo do proxecto é manter a calidade asistencial a través da telemedicina e a monitorización “in situ”, evitar o desprazamento deste perfil de paciente, e valorar a continuidade futura desta dinámica en coordinación co persoal destes centros sociosanitarios. Como indican dende o propio Servizo de Cardioloxía do CHUF, “trátase de limitar a exposición destes pacientes a centros sanitarios sen reducir a calidade asistencial; e, neste senso, a telemedicina e o seguimento remoto de marcapasos se teñen convertido en pezas fundamentais”, describen.
 

O equipo de profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol desprazábase ó longo da mañá ós centros sociosanitarios cos programadores de marcapasos, e realizou o control técnico e o seguimento dun total de 31 pacientes con marcapasos. “Faise o seguimento que correspondería na consulta do Hospital Arquitecto Marcide, e, se hai algunha anomalía, faise o seguimento necesario ou se indica a consulta física de ser precisa”, explican. Subliñan que se extreman as medidas de control e limpeza dos programadores entre paciente e paciente.
 

A idea é que estas monitorizacións remotas veñan para quedar como un xeito de evitar os desprazamentos ás consultas dos e das pacientes portadoras de marcapasos, e que só se teñan que achegar cando se concrete esa necesidade polos propios profesionais ou porque haxa algún condicionante que o estableza.
 

Recordar que esta medida súmase a outras accións que reflicten o esforzo desta Unidade por mellorar a atención dos seus pacientes, e que xa se materializaba coa pilotaxe hai dous meses dun proxecto de seguimento remoto de dispositivos de estimulación cardíaca ou marcapasos en período Covid tamén a unha trintena de pacientes a seguimento por esta Unidade, e que acudía nos seus coches ó recinto do Hospital Naval do Complexo. Alí, sen baixar do automóbil, realizábase a monitorización do seu dispositivo e o rexistro de datos que, ó día seguinte, valoraba o profesional sanitario especializado.
 

Perfil de paciente na Área Sanitaria de Ferrol
En termos xerais, na Área Sanitaria de Ferrol están a seguimento uns 1.500 pacientes portadores de marcapasos. Implántanse uns 180 dispositivos deste tipo ó ano no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O perfil de paciente con trastorno do ritmo cardíaco, explican dende esta Unidade, é un home ou muller, non hai grandes diferenzas de xénero, cunha idade media de 80 anos.
 

Os marcapasos son uns dispositivos electrónicos deseñados para producir impulsos eléctricos que poidan estimular ó músculo cardíaco nos casos en que falla a estimulación fisiolóxica ou normal. Os marcapasos son pequenos computadores que vixían continuamente o ritmo do corazón; e se nalgún momento non se produce un latexado cardíaco, o marcapasos é capaz de detectalo e enviar un sinal eléctrico a través dos cables (eléctrodos) para que o corazón se contraia.
 

Os marcapasos precisan un control das condicións de seguridade do seu funcionamento, normalmente anual, segundo se recolle nas distingas guías clínicas. Se nese control técnico está todo correcto, as persoas portadoras do dispositivo xa non teñen que volver ó centro hospitalario para unha consulta, co que a visita de hoxe do equipo do CHUF facilita a asistencia deste perfil de pacientes en centros sociosanitarios, sen ter que se desprazar.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss