A ÁREA SANITARIA DE FERROL XA ESTÁ A FACER AS PROBAS DE DETECCIÓN DA COVID ÓS PROFESIONAIS DO ÁMBITO DA EDUCACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 08 2020

​A Área Sanitaria de Ferrol xa está a facer as probas de detección da Covid a profesionais do ámbito da Educación. Para a súa execución habilitouse un terceiro punto físico no interior do Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Así, as persoas citadas terán que acudir a este terceiro punto no Hospital Novoa Santos, onde poderán aparcar o coche con facilidade, e acudir ó edificio, onde xa está indicada a entrada ó espazo que se ten habilitado como novo punto de mostras.

Onte realizábanse as 200 primeiras probas, e hoxe xa se establece a dinámica actual de realizar unha media de 200 probas diarias en horario de mañá e tarde, ata alcanzar as máis de  2.300 probas previstas na Área Sanitaria de Ferrol, durante aproximadamente doce días. Un total de seis profesionais da Área Sanitaria desenvolve esta actividade de cribado, dúas profesionais de Enfermaría e celadora pola mañá, e igual equipo pola tarde.
O  cribado realízase mediante test rápido de anticorpos de dobre banda ó persoal dos distintos centros educativos da Área co obxectivo de determinar as posibles infeccións por Covid antes de dar comezo o curso escolar. A extracción deste cribado consiste nun proceso  de punción capilar no que se extrae unha pinga de sangue do dedo para obter o resultado da mostra. Este tipo de proba diagnóstica foi a realizada tamén para o cribado do persoal dos corpos e forzas de seguridade e de servizos esenciais, que sumaban máis de 550.
Tres puntos de mostras no Novoa: dous no automóbil e un persoal
O Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol conta neste intre con tres puntos de toma de mostras: dúas carpas de acceso co automóbil no que se realizan as probas PCR, e un activado onte no interior do edificio no que se acode persoalmente facer os test deste cribado. O primeiro punto fixo co automóbil activábase o pasado 23 de marzo, e o segundo punto para acudir tamén co automóbil habilitábase o pasado martes 19 de maio.
Nos puntos do automóbil traballan na actualidade un total de 14 persoas (sete equipos formados por enfermeira e Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría), que se distribúen tanto para acudir ós domicilios se é necesario como para atender estes puntos, ós que se suman os seis profesionais deste terceiro novo punto físico. O sistema segue a estar traballando en coordinación co grupo de persoas do Centro de Coordinación de Coronavirus formado por profesionais sanitarios e non sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol.
Dende a Área Sanitaria de Ferrol quérese reiterar novamente o agradecemento pola implicación, traballo, responsabilidade e compromiso de cada un dos profesionais sanitarios e non sanitarios. Un agradecemento tamén á poboación polo seu esforzo e á que hoxe se lle pide o máximo coidado e precaución, xa que de todos e cada un de nós depende o coidado das medidas para evitar a transmisión deste coronavirus. Non podemos baixar a garda, porque todos temos que coidar de todos neste intre. É necesario evitar as aglomeracións e ser moi rigoroso co lavado de mans, co emprego da máscara, e co mantemento da distancia social.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss