O SERGAS PUBLICA O NOMEAMENTO DE 1.429 PROFESIONAIS DE DIVERSAS CATEGORÍAS QUE SE INCOPORAN AO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 09 2020

​O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o nomeamento dun total de 1.429 profesionais seleccionados na última oferta pública de emprego das categorías de celador, enfermeiro e grupo auxiliar da función administrativa​. A súa toma de posesión suporá a incorporación ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia deste persoal con condición de fixeza. Cúmprese así o obxectivo do Sergas de estabilización do seu persoal, que na actualidade conta cun 80% de persoal estable.

En concreto, un total de 830 destinos foron adxudicados na categoría de enfermeiro; 209 na categoría de grupo auxiliar da función administrativa; e 390 na categoría de celador. Cómpre destacar a incorporación nesta última categoría, dun total de 30 celadores da quenda de discapacidade intelectual, co que se dá cumprimento á integración laboral destas persoas dentro do Servizo Galego de Saúde. Coa adxudicación das prazas, declárase finalizado o concurso-oposición para o acceso á condición de persoal estatutario fixo destas categorías.
 
Incorporación na súa praza ata o 19 de outubro
O persoal nomeado disporá do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 19 de outubro próximo.
 
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. Non entanto, en casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss