A Unidade de Imaxe Cardíaca Avanzada da Área Sanitaria compostelá recoñecida polos premios nacionais á excelencia en xestíón sanitaria de novartis IESE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 09 2020
 

Santiago, 18 de setembro de 2020- A Unidade de Imaxe Cardíaca Avanzada da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza ven de ser recoñecida polos Premios Novartis IESE á Excelencia Operativa en Xestión Sanitaria. Ditos galardóns son “un recoñecemento ás organizacións que están a contribuír á excelencia e á sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde a través da innovación e as boas prácticas na xestión”. Tal e como indica a organización do certame “na convocatoria correspondente ao ano 2020 recibíronse 68 candidaturas de hospitais, institucións sanitarias e organismos autonómicos. O gala recoñeceu as ideas máis innovadoras no ámbito da xestión sanitaria que se apoien na innovación asistencial e as novas tecnoloxías, ademais da excelencia operativa e a súa capacidade para mellorar os resultados en saúde e achegar eficiencia ao sistema”. O accésit acadado na categoría “Iniciativas innovadoras de mellora de procesos asistenciais que aporten eficiencia ao sistema” é o único recoñecemento obtido por un centro sanitario galego neste certame.

 

Este proxecto, pioneiro en España, presenta un modelo de integración da imaxe cardíaca avanzada (TAC e Resonancia Magnética) a través dunha Unidade de xestión multidisciplinar compartida entre os servizos de Radiodiagnóstico e Cardioloxía da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza que permitiu a optimización do conxunto de procesos asistenciais da área cardiovascular e unha achega de valor ao sistema sanitario mediante a maximización da eficiencia, redución da lista de espera e mellora da capacidade diagnóstica e terapéutica.
As técnicas de imaxe cardiovascular non invasivas, como o TAC e a RMN, permiten mellorar a selección do tratamento para cada paciente e planificar os procedementos de maneira individualizada e guían a súa realización detectando precozmente posibles complicacións. Ademais facilita o seguimento a longo prazo dos doentes. “Todo iso explica o importante e xustificado incremento na demanda destas técnicas de imaxe que, en moitas ocasións, supoñen exploracións complexas”, destaca o xefe do Servizo de Radiodiagnóstico, Roberto García Figueiras,
“Coa creación da Unidade de Imaxe Cardíaca Avanzada mellorouse o diagnóstico non invasivo en pacientes cardiolóxicos, maximizouse o rendemento diagnóstico, minimizáronse as  demoras e se optimizou a realización das probas, por outra banda permitíunos a incorporación a proxectos de investigación xunto a centros do máximo nivel europeos e americanos” subliñou o xefe do Servizo de Cardioloxía, José Ramón González-Juanatey.
A creación desta pioneira unidade conlevou a incorporación de alta tecnoloxía de ultima xeración optimizada para a realización de estudos cardiovasculares (Resonancia Magnética e TAC) a realización de obras de adaptación e a adopción de novas medidas de organización interna para unha abordaxe multidisciplinar da imaxe cardíaca (especialistas en cardioloxía e radiodiagnóstico) ademais se estableceron protocolos consensuados para acadar a transversalidade do proceso asistencial cuns óptimos resultados como xa se comprobou nas 602 resonancias cardíacas e nos 911 TAC cardíacos realizados polo de agora. Conta ademais cunha demora inferior a 1 mes nos pacientes programados.
As técnicas de imaxe cardiovascular non invasivas, en particular a tomografía computarizada (TAC) e a resonancia magnética (RMN), permiten o estudo preciso da anatomía cardíaca e do complexo funcionamento cardíaco. O seu gran desenvolvemento nas últimas décadas fai que proporcionen información de alta calidade, moi precisa e reproducible que, en moitas ocasións, non pode obterse por outras técnicas. Desta maneira, o uso da TC e a RMN en Cardioloxía incorpórase cada vez máis e con maior grao de evidencia nas guías de práctica clínica, con indicacións de probada eficacia e eficiencia na maior parte de patoloxías cardiovasculares.
A imaxe cardíaca da Área Sanitaria de Santiago de Compostela conta xa con gran prestixio e experiencia recoñecida nas diferentes modalidades de ecocardiografía (transtorácica, transesofágica, de tensións e 3D), así como en estudos de cardioloxía nuclear (PET, SPECT), que se realizan no Servizo de Medicina Nuclear.
 

 

Saúdos,
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss