SANIDADE APROBA RESTRICIÓNS PARA VILAGARCIA E O MILLADOIRO (AMES), E AMPLÍA AS MEDIDAS DE OURENSE A MÁIS RÚAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 09 2020

A Consellería de Sanidade vén de acordar a inclusión de Vilagarcía de Arousa e O Milladoiro (Ames), no conxunto de localidades con medidas de restrición. Así mesmo, acordou aumentar o número de rúas con restricións específicas na cidade de Ourense.

Desde esta medianoite, a cidade de Ourense verá ampliada a súa área con especiais restricións, e desde as 00:00h tamén contara con medidas especiais o ámbito territorial delimitado polas rúas do Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), a rúa Irmáns Xesta, a avenida de Portugal (ata cruzamento coa rúa Irmáns Xesta), o camiño Lobisome, rúa do Salto do Can, rúa Carballo, rúa Sobreira, nacional 525 (dende  o cruce coa rúa Sobreira ata o cruzamento coa avenida Ribeira Sacra), avenida Ribeira Sacra ata a Ponte Romana, incluídas estas rúas nos tramos sinalados.
 
Todas elas, engádense ás de Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal (dende o cruce con rúa Ervedelo ata cruce con rúa Irmáns Xesta), que xa tiñan entre as limitacións establecidas a de limitar as reunións privadas ata un máximo de 5 persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa. A decisión tomouse esta mesma mañá, logo da xuntanza do Comité clínico de expertos sanitarios.
 
Ademais, á vista da situación epidemiolóxica da covid-19 en Galicia, adoptouse a decisión de incluír Vilagarcía de Arousa no grupo de concellos con restricións vixentes, xunto con todo O Milladoiro, no concello de Ames.
 
Entre as medidas que adoptan estes concellos destaca a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto,
 
Concellos que manteñen restricións
O Comité de expertos aconsella manter as medidas vixentes en varios concellos. Así, continúan sen cambios Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín  e Verín nos que continúa a vixencia das limitacións establecidas por Sanidade. Así mesmo, o Comité de expertos sanitarios decidíu manter as limitacións que se mantiñan en determinados barrios da Coruña.
 
Todas estas medidas publicaranse hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor as 00:00 horas desta medianoite. Ademais, volverán revisarse en sete días.
 
A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss