SANIDADE INCLÚE VILANOVA DE AROUSA NOS CONCELLOS CON RESTRICIÓNS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 09 2020

A Consellería de Sanidade vén de acordar a inclusión de Vilanova de Arousa no conxunto de concellos con medidas de restrición. Esta decisión adoptouse logo da reunión do Subcomité clínico de expertos sanitarios, á vista da situación epidemiolóxica da covid-19 en Galicia.

 

Esta medida publicaranse hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor as 00:00 horas desta medianoite. Ademais, volverán revisarse en sete días.
 
Deste xeito, Vilanova de Arousa pasa a formar parte do grupo de concellos con restricións constituído por Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Verín e Vilagarcía de Arousa, ademais de diversas rúas da Coruña  e  O Milladoiro (Ames).
 
Entres estas restricións destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.
 
Limitacións especiais en barrios de Ourense
Pola súa banda, algunhas zonas da cidade de Ourense segue con restricións especiais, como as de limitar as reunións privadas ata un máximo de 5 persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.
 
Estas limitacións aplícanse dende hai unha semana as rúas de Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal (dende o cruce con rúa Ervedelo ata cruce con rúa Irmáns Xesta).. Dende o mércores ampliouse tamén á zona delimitada polas rúas do Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), a rúa Irmáns Xesta, a avenida de Portugal (ata cruzamento coa rúa Irmáns Xesta), o camiño Lobisome, rúa do Salto do Can, rúa Carballo, rúa Sobreira, nacional 525 (dende o cruce coa rúa Sobreira ata o cruzamento coa avenida Ribeira Sacra), avenida Ribeira Sacra ata a Ponte Romana, incluídas estas rúas nos tramos sinalados.

 

A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss