EDUCACIÓN E SANIDADE ABORDARON CONXUNTAMENTE INFORMACIÓN SOBRE O CORONAVIRUS COS CENTROS EDUCATIVOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 09 2020

​A Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Consellería de Sanidade convocou onte ós representantes dos equipos covid-19 de cada un dos colexios públicos e concertados da Área Sanitaria de Ferrol a unha xornada de información xeral sobre o protocolo e a pandemia. A actividade desenvolveuse, por cuestión de aforo, en dobre modalidade, de xeito presencial no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e, tamén, en remoto online ós máis de 80 centros de ensino convocados por Educación.

O xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, introduciu ás relatoras e remarcou a oportunidade de “poder intercambiar dúbidas entre ámbolos dous ámbitos, educación e Sanidade”; e indicou que espera que este encontro “sirva de axuda nun momento de incerteza e con tantas complicacións para todos”. Interviron a especialista en Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Ferrol, Sabela Rodríguez; a directora de Atención Primaria da Área, Marina Pérez Tenreiro; e a técnica da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade na Coruña, Begoña Alonso de la Iglesia. Ó finalizar os e as profesionais de Educación puideron facer preguntas ás relatoras.
 
Así, abordouse información básica sobre o coronavirus, a súa afección na poboación infantil e as síntomas, así como as medidas de vixilancia, de prevención e de control. Ademais, déronse pautas sobre como actuar ante unha sospeita de infección por coronavirus no centro escolar e o mecanismo de alerta que se debe activar.
 
Tranquilidade e recordatorio de medidas a seguir
Iniciou a intervención a especialista en Medicina Preventiva, Sabela Rodríguez, que explicou que é o virus, como se transmite e a aspectos sobre a sintomatoloxía, entre outras cuestións. Recordou que “toda a poboación é susceptible de se contaxiar”, “que os casos leves e asintomáticos tamén transmiten”; e que “entre o 10 e o 20% dos contactos estreitos desenvolverán a enfermidade”. Lembrou que o feito de que a covid-19 sexa unha enfermidade nova fai que se vaian producindo moitos cambios; e mencionou estudos europeos que indican que “menos do 5% dos casos reportados son crianzas, con menos probabilidade de ingreso hospitalario ou desenlace fatal da enfermidade”.
 
Esta profesional recordou o que é un contacto estreito: contacto con distancia inferior a dous metros de un positivo, sen protección ou con protección non adecuada, durante máis de 15 minutos. Diferenciou tamén o que é un illamento destinado ós casos positivos do que é unha corentena para os contactos estreitos. Recordou igualmente a máxima de que “un contacto dun contacto non é un contacto estreito”, a non ser que ese contacto se transforme en positivo.
 
Xunto con isto, a directora de Atención Primaria, Marina Pérez, agradeceu o “enorme esforzo” das dúas partes, profesionais dos centros de saúde e de educación, e incidiu no valor da boa relación entre os coordinadores covid-19. Os coordinadores de Educación son persoas de referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias de cada colexio. Os equipos están integrados pola persoa titular da dirección do centro, ou persoa na que delegue ou a substitúa, e dous membros do profesorado (nos centros de menos de seis unidades o equipo poderá constituírse cunha soa persoa). Pola súa banda, lembrou que nos centros de saúde están nomeados dous coordinadores da Covid, que soen recaer na figura do responsable do centro, e que se ocupan da “interlocución cos centros de referencia, e a resolución de dúbidas clínicas exclusivamente en relación coa Covid”. Pormenorizou nas modalidades de contacto cos centros, e brindouse a responder as dúbidas que se presenten a través do enderezo electrónico da propia dirección de Atención Primaria.
 
Pola súa banda, a técnica da Xefatura Territorial de Sanidade, Begoña Alonso, recordou o cambio que se producía estes días de redución da corentena de 14 a 10 días nos contactos. Diferenciou de forma explícita a diferencia nas medidas de illamento e corentena. O illamento prodúcese nun caso confirmado e recorda que eses casos deben procurar estar illados nun cuarto, comida e, de ser posible, tamén baño diferenciados. Incidiu na ventilación continua do cuarto: “fiestra aberta e porta pechada”, para evitar que a corrente poida trasladar o virus a outras estancias, e no emprego de máscara en áreas comúns, se é necesario pasar por esas áreas, e mantendo distancia cos convivintes. No caso da persoa corentenada, manter as distancias e as precaucións e normas de hixiene.
 
Esta profesional destacou que, ata o momento, “non se teñen producido casos positivos dentro das aulas, xa que os casos positivos detectados tiñan o foco no ámbito familiar ou social”, e recordou que “os coordinadores dos centros educativos sodes moi importantes para axudarnos a acoutar os contactos estreitos que axudan a definir as formas de actuación”. Nesta liña, recordou que “os casos se valoran cada un illadamente” que non son tódalas accións iguais nos diversos centros porque tampouco eses centros e os contextos son iguais. Incidiu neste sentido en que “hai que poñer un pouco de cordura” e “non compararse entre centros nas accións xa que as medidas se activan de forma concreta para as circunstancias nas que se produce a detección ou acoutamento do caso”. Tanto a profesional da xefatura como a directora de Atención Primaria, quixeron tranquilizar ós pais no senso de que se está a ser “garantista coa realización das probas” e que, ante a dúbida, se estende a necesidade de facelas e non hai restricións ás peticións, máis que as técnicas ou clínicas, por parte dos profesionais da atención primaria.
 
Finalmente contestaron a tódalas dúbidas da vintena de profesionais da educación presentes, en cuestións relativas, entre outras ó emprego da máscara, e recordaron que son moi poucas as exencións ó seu emprego.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss