Microbioloxía da área compostelá demostra a alta eficiencia da técnica do pooling nun estudo que veñen de publicar nunha revista internacional
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 09 2020
 

Santiago, 30 de setembro 2020.- A prestixiosa revista Clínical Microbiology and Infection ven de publicar un traballo liderado polo servizo de Microbioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e o Hospital San Cecilio de Granada. No artigo Sample pooling for SARS- COV-2 RT- PCR screenig (https:// doi. org/10.1016/ j. cmi.2020.09.008) móstrase a alta eficiencia das diferentes estratexias de agrupación de mostras (pooling) en comparación coa análise individual a través das diferentes plataformas comerciais de extracción e amplificación para o diagnóstico e cribado por RT- PCR da infección polo SARS COV-2, demostrando en todos os casos un excelente rendemento en termos de sensibilidade, especificidade e valor preditivo positivo (VPP) e negativo (VPN) dos resultados.

 

O estudo multicéntrico está coordinado conxuntamente polos Servizos de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e do Hospital San Cecilio de Granada, e nel participaron 12  hospitais de toda España, incluídos os galegos Lucus Augusti e o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Entre as principais aplicacións deste estudo, validado con diferentes estratexias de agrupación de mostras e con distintas plataformas, atoparíanse ademais do aumento na capacidade en determinacións dos laboratorios, “a utilidade no diagnóstico e cribado de diferentes colectivos con especial atención aos máis vulnerables e aos considerados como esenciais”, subliña María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da área sanitaria compostelá.
Por outra banda, engade Pérez de Molino “o uso desta estratexia nos laboratorios dependerá principalmente da prevaleza da infección por SARS. CoV-2, que deberá ser baixa, máis que doutros factores”, na mesma liña das recomendacións publicadas recentemente pola a FDA.
Este estudo multicéntrico foi realizado nos doce hospitais participantes durante os pasados meses de abril e maio e “os seus magníficos resultados en canto á eficiencia da estratexia da agrupación de mostras respecto á análise individual, utilizando as diferentes plataformas comerciais de extracción e amplificación dispoñibles, permitiron desde entón a súa implementación nos devanditos centros”, destaca a xefa do servizo de Microbioloxía compostelán.
Os autores afirman cren que os seus achados poden ser esenciais para expandir as capacidades dos laboratorios clínicos nun futuro próximo ante as novas necesidades que se aveciñan, pero recomendan sempre validar esta estratexia en cada contorna específica de reactivos de extracción e amplificación antes da súa introdución para o manexo clínico, especialmente para asegurar que a sensibilidade do ensaio e especialmente as taxas de falsos negativos sexan aceptables.
As estratexias de agrupación de mostras (pooling en inglés) consiste en mesturar equitativamente un grupo de mostras similares para procesalas coma se fose unha soa. Asumindo o resultado de grupo como resultado individual de cada mostra.
Microbioloxía Santiago
O servizo de Microbioloxía da sanidade pública compostelán está a traballar na primeira liña desde o inicio da pandemia polo coronavirus Covid-19 en colaboración estreita coa xerencia da área sanitaria e co resto de servizos do hospital, especialmente con Medicina Preventiva, Urxencias e o grupo clínico de Covid e participa na toma de decisións, sendo relevante en todo momento o diagnostico da infección, que se realiza neste servizo. Así, “do interese de innovar e mellorar devandito diagnóstico xurde este traballo que vimos de publicar nunha das revistas máis prestixiosas de Microbioloxía, situada entre as dez primeiras do primeiro cuartil (Q1) da clasificación da especialidade” subliña a dra Pérez del Molino.

 

O Servizo de Microbioloxía conta cun equipo de 58 profesionais traballando intensamente para dar resposta á demanda crecente desde o inicio da pandemia de SARS-CoV-2, e mantendo niveis de alta calidade no resto do diagnostico da patoloxía infecciosa non relacionada coa Covid-19.

 

Proxecto Opentrons
Así mesmo, o servizo participa moi activamente no proxecto Opentrons xunto con 18 hospitais de España. Os facultativos composteláns traballan intensamente no grupo “para facer realidade o feito de que se poida realizar analíticas en aberto con calquera tipo de reactivos o que garantiría a independencia das grandes casas comerciais e que ademais permitirá a posta en marcha dunha gran rede de investigación conxunta”, afirma a responsable do servizo de Microbioloxía ao tempo que quere “agradecer ao equipo de persoas que estivo a traballar para facer posible o proxecto e aos mecenas, entre eles especialmente á Fundación Amancio Ortega, polas súas contribucións que fixeron posible non só a adquisición, senón tamén o transporte e posta en marcha” dos CovidRobots.
 

 

Saúdos,

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss