GALICIA CONSIDERA QUE A PROPOSTA DE RESTRICIÓNS DO MINISTERIO DE SANIDADE CARECE DE AVAIS TÉCNICOS PARA ADAPTALA Á SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 09 2020
 

 

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladoulle esta tarde ao Ministerio da Sanidade o rexeitamento da comunidade galega á proposta formulada  no Consello Interterritorial de Saúde, ao considerala incompleta e ademais non contar con avais técnicos suficientes.

Na xuntanza cos representantes sanitarios das restantes comunidades autónomas, o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou que a proposición exposta hoxe no Consello Interterritorial tan só contempla tres criterios de avaliación e que, ademais, obvia moitos dos parámetros recollidos no documento elaborado polo Comité clínico de expertos da comunidade galega.
 
Sobre este particular, García Comesaña sinalou que Galicia leva conxugando os datos de ata 10 parámetros cos seus correspondente indicadores para tomar decisións sobre posible adopción de medidas restritivas nos diferentes concellos de Galicia. A liña de traballo que ven desenvolvendo o Comité clínico de expertos que se reúne semanalmente segue os mesmos criterios, tanto para concellos de poucos habitantes como para as grandes cidades de Galicia, incluídas as de máis de 100.000 habitantes.
 
Así, a proposta do Ministerio exposta na xuntanza desta tarde é considerada incompleta ao non recoller entre outros indicadores: a vulnerabilidade, a porcentaxe de positivos sobre cuarentenados, a presión hospitalaria ou a situación das urxencias, un datos que sí ten en conta o Comité de expertos galego na evolución da pandemia na nosa comunidade.
 
Ademais, o conselleiro de Sanidade apuntou que obviar os criterios empregados por Galicia ata este momento, non permitiría dar continuidade ao traballo desenvolto desde o inicio da pandemia polo conxunto de expertos que monitoran a evolución epidemiolóxica da covid-19 en Galicia.
 
Con todo, o responsable da carteira sanitaria galega apelou a recuperar o consenso que sempre se mantivo na diferentes reunión do Consello Interterritorial de Saúde e avogou por  sumar esforzos co ánimo de configurar un documento que sexa válido para o conxunto do territorio español.
 
Por último, Garcia Comesaña convidou ao Ministerio de Sanidade a que se convoque á maior brevidade posible ás ponencias de alerta e saúde pública, de xeito que este documento técnico estea dispoñible o antes posible para todas as comunidades autónomas, sexa válido para o maior número de situacións e ademais conte un número axeitado de parámetros.
 
A Xunta de Galicia reitera a súa disposición a seguir traballando a prol do consenso que ata o de agora sempre presidíu as decisións adoptadas no seo do Consello Interterritorial.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss