A CAMPAÑA DE VACINACIÓN FRONTE Á GRIPE COMEZA PARA PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL A PARTIR DE LUNS 5 DE OUTUBRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 10 2020

A campaña de vacinación antigripal comeza entre os e as traballadoras da Área Sanitaria de Ferrol o vindeiro luns 5 de outubro. A vacina para evitar a gripe e as complicacións derivadas da mesma estará dispoñible para profesionais tanto nos distintos centros de saúde da Área, como nos centros hospitalarios Arquitecto Marcide e Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Póñense a disposición diversos puntos para se vacinar. No caso do Hospital Arquitecto Marcide, profesionais de Medicina Preventiva e de Esterilización acudirán polos Servizos. Xunto con esta procura activa, haberá, xa dende o mesmo luns 5 de outubro, un punto de vacinación xunto ó vestiario, que se fará coincidir coas saídas e entradas das e dos profesionais, en horario de 07:45 a 09:00 e de 14:30 a 15:30. Tamén é posible a vacinación no Servizo de Medicina Preventiva, previa cita, en horario de 08:00 a 09:30.
No caso dos Hospitais Naval e Novoa Santos do Complexo, a Unidade de Prevención de Riscos Laborais acudirá igualmente polos servizos. Tamén será posible a vacinación a demanda, en horario de mañá, na Unidade de Prevención de Riscos Laborais, durante toda a campaña.
O lema da campaña da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade deste ano é Contra a gripe temos vacina, que recorda que hai unha vacina que evita contaxios e salva vidas. E recordan que este ano é máis importante que nunca protexerse fronte á gripe.
Poboación diana, o vindeiro martes 13 de outubro
Para a poboación xeral da Área, a vacinación será posible dende o vindeiro martes 13 de outubro e ata o 31 de decembro na trintena de puntos previstos. A cita poderase obter a través da cita web habitual preferiblemente ou a través de chamada telefónica ó Centro de Saúde. A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención e crónicos). Igualmente son poboación diana da campaña as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe, presentado esta campaña como novidade as mulleres durante o puerperio (ata 6 meses tras o parto), sempre que non se vacinarán no embarazo.
Xunto con isto está dirixida tamén ás persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións. Trátase de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, públicos e privados, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos crónicos, estudantes en prácticas en centros sanitarios, asistentes domiciliarios de pacientes de alto risco ou persoas maiores, así como convivintes de persoas de grupos de risco. Outras persoas nas que se recomenda a vacinación son as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres.
Dende a Consellería de Sanidade remarcan que, por primeira vez, Galicia empregará nesta campaña unha vacina tetravalente de alta carga para as persoas máis vulnerables, aquelas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias. Sinalar, así mesmo, que entre a loxística da campaña está o feito de que a partir da terceira semana da campaña realizarase unha chamada por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación de 65 a 74 anos. Ademais, enviaranse sms masivos de recordo de vacinación á poboación entre 65 e 74 anos, estableceranse axendas de citación especial para vacinación e vacinaranse aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio. Por último, o Sergas lembra a importancia, este ano máis que nunca, de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss