UN TOTAL DE 126 ALUMNOS E ALUMNAS DE GRAO DE ENFERMARÍA E TÉCNICOS COMEZAN O SEU PERÍODO DE PRÁCTICAS NA ÁREA SANITARIA FERROLÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 10 2020

​Un total de 126 alumnos e alumnas de Grao de Enfermaría das Universidades de A Coruña e Santiago, e Técnicos de Ciclo Medio e Superior comezan o seu período de prácticas na Área Sanitaria de Ferrol. Así, un total de 37 alumnos de cuarto de Enfermaría incorporábanse o pasado 20 de setembro; os 29 Técnicos de Ciclo Medio e Superior incorpóranse entre o pasado venres e esta semana; e esta mañá facíano os 60 alumnos de terceiro de Enfermaría.

A supervisora de Formación Continuada, Marisa Fraga Sampedro; e a coordinadora de Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría, Angélica Mosconi Domínguez, encargábanse, tanto o pasado venres coma hoxe, de darlle a benvida a estes novos integrantes da Área, xunto cos profesionais que coordinarán a súa formación.

En concreto, os alumnos e alumnas do Grao de Enfermaría, ós que se recibía esta mañá, adquirirán coñecementos nos ámbitos tanto médicos como cirúrxicos. Estarán divididos en grupos que se incorporarán ós distintos departamentos en diferentes períodos temporais ó longo do total do seu curso académico. Estes alumnos e alumnas estarán acompañados nos centros polos seus titores. Posteriormente, en cuarto, incorporan tamén unha formación máis practica no ámbito da Atención Primaria nos centros de saúde, na área maternal (partos, tocoloxía e matrona), na área infantil (pediatría, prematuros, UCI pediátrica, e Urxencias de Pediatría); e Unidades de Críticos (como UCI, Reanimación e Urxencias).

No caso dos 29 alumnos Técnicos de Ciclo Medio e Superior, incorpóranse 17 Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría, do IES Leixa; 5 Técnicos Superiores de Laboratorio de Análises Clínicas e Biomédico, tamén do IES Leixa; 4 de Administración e Finanzas (2 do CIFP Rodolfo Ucha de Ferrol e 2 do IES Terra de Trasancos de Narón); 1 de Anatomía Patolóxica do CIFP Ánxel Casal Monte Alto; 1 de Sistemas microinformáticos e redes e 1 de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, ámbolos dous do CIFP Rodolfo Ucha.

Algúns consellos básicos
No acto de benvida, as claves foron recordar que o importante é o paciente, a responsabilidade que iso leva consigo; e lembrar que o secreto profesional e a confidencialidade non son só unha cuestión ética, senón regulada por lei. Tanto Marisa Fraga como Angélica Mosconi adiantáronlles consellos prácticos no día a día, e invitáronos a manter unha continua formación e unha relación estreita tanto co paciente como cos profesionais doutras categorías.

Falaron, entre outras cuestións, do importante da hixiene e lavado de mans; do obrigado coñecemento dos protocolos de accidentes biolóxicos; da importancia de estar identificado; da actitude como elemento clave; de familiarizarse cos espazos e os profesionais; da protección dos datos de carácter persoal e da confidencialidade; e de garantir o dereito e, a dignidade e a intimidade do paciente.

Como xa sucedeu coa benvida ós alumnos de sexto de Medicina e ós Residentes que se facía en semanas anteriores, a Covid, tamén foi protagonista, incidindo nas medidas básicas de hixiene e distanciamento que hai que ter constantemente. Aconselláronlles a limitación dos contactos sociais durante as estadías. Ademais, explicóuselles tanto a actitude a seguir ante a posibilidade de ser contacto dun positivo, como que facer no caso de ter síntomas compatibles coa Covid. Marisa Fraga recordoulles esta mañá que agora son “axentes sociais da saúde e teñen que ser responsables e facer educación sanitaria na comunidade”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss