AGRADECEMENTO FONDO A COLABORADORES DA AULA HOSPITALARIA, QUE ESTE ANO VEN ALTERADAS AS SÚAS ACTIVIDADES POR MOR DA COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 10 2020

A Aula Hospitalaria da Área Sanitaria de Ferrol realiza cada ano por estas datas un encontro cos distintos colaboradores e colaboradoras que participan nas múltiples actividades que se desenvolven cos nenos hospitalizados ó longo do curso escolar. Este ano, tanto membros da dirección da Área, como a propia mestra, Pilar Porta, non quixeron deixar de ter esa xuntanza para agradecer o esforzo que habitualmente realizan estes colectivos, e que a Covid vén alterar este ano, e encontráronse esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Estaban presentes a Facultade de Enfermería e Podoloxía, a Asociación Adra, a Cruz Vermella e Scrabooking Ferrolterra.
 

A mestra, Pilar Porta, explicoulles que xa estaba a traballar na dixitalización e na transformación de moitas desas actividades cotiás e presenciais que facían con eles na escola a un formato que permita seguir traballando e colaborando, cando menos en parte, e non esquecer todo o realizado, xa que polo momento non serán posibles esas actividades de xeito presencial.
 

A Aula Hospitalaria funciona nesta área sanitaria dende xuño de 2007, ano no que se inaugurou. Conta cun lugar de reunión de pais e profesionais, con arquivo de material, e xa a Aula Hospitalaria propiamente dita, que dirixe a mestra e que se divide nunha serie de espazos funcionais. A zona de Educación Infantil está dedicada ós máis pequenos, alumnas e alumnos escolarizados en educación infantil, de tres a seis anos; unha segunda zona de Educación Primaria, pensada para ofertar resposta educativa a un abano de rapaces entre os seis e os doce anos; un recuncho de lectura; e un recuncho de novas tecnoloxías con equipamento para traballos, e con e conexión vía Internet con outras aulas. 
 

A responsable da Aula seguirá este ano coa actividade presencial de seguimento dos e das nenas hospitalizadas seguindo as normas e regras marcadas para as escolas extrahospitalarias. A aula recibe na actualidade nenos e nenas entre os 6 e os 18 anos ten limitado o seu aforo e tamén o uso como sala de xogos. Normalmente, en horario de mañá, a mestra abrangue os obxectivos de tipo pedagóxico e curricular; e, xa pola tarde, complementábase ese labor con actividades que favorecen que o proceso de hospitalización sexa máis ameno, e que se ven alteradas pola Covid. Por este espazo educativo e lúdico pasaban de xeito ordinario unha media diaria de 5 nenos; e, na actualidade, a mestra organizará e distribuirá as actividades para poder previr e evitar o contaxio do coronavirus.
 

Nun encontro moi achegado e no que se transmitía a boa relación xerada entre o persoal sanitario e o voluntariado, tódolos integrantes da Área Sanitaria de Ferrol coincidiron no “enorme e fondo agradecemento”. Estaban presentes o director de Enfermaría, Luis Arantón Areosa, que destacou que “o labor que facedes é impresionante”; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo, que sumou ó agradecemento o desexo, de “que se poidan retomar pronto as actividades”; a subdirectora de Enfermaría, Isabel Campos Pardo, que considerou ós voluntarios “unha parte esencial da aula hospitalaria”; e a mestra da Aula Hospitalaria, Pilar Porta Rodríguez, que afirmou que “é un luxo a cantidade e a calidade de voluntarios cos que contamos”.
 

En nome das entidades colaboradoras estaban por parte da Universidade de A Coruña, o profesor de Anatomía da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Avelino Castro Pastor, que devolveu as grazas destacando como esa colaboración “permite desenvolver os traballos con moita creatividade”. Pola Asociación Adra, a coordinadora, Ángela Sixto Filgueira, e a voluntaria, María Luz Puentes López, que incidiron no valor da colaboración, e en como a través dela “nos sentimos moi apoiadas e motivadas“. Pola Cruz Vermella, a coordinadora comarcal, María Silveira Santamaría, e a técnica en Infancia, Xuventude e Voluntariado, Noemí Pedrós Cabaleiro, que destacan esta colaboración como “o buque insignia das actividades con nenos. Gusta e emociona”; e, por último, as integrantes de Scrabooking Ferrolterra e Proxecto Mickie, Elia Pena e Lourdes Acción, que falaron deste período como un “ata logo, xa que levamos moitos recordos e esperamos seguir aumentando máis”.
 

Diversas colaboracións
A relación entre a Facultade de Enfermaría e Podoloxía e a Área Sanitaria de Ferrol é constante; e neste eido, alumnos da Facultade e da Aula Hospitalaria aprenden xuntos os sistemas básicos do corpo humano a través do programa Aprendemos saúde con futuros enfermeiros, desenvolvido dende 2014. Co asesoramento de profesionais de enfermaría, organizan diferentes actividades didácticas para achegar ós nenos e nenas hospitalizados información sobre algúns dos sistemas básicos como o circulatorio, respiratorio, linfático, dixestivo, endocrino, nervioso e xenito-urinario.
 

Os alumnos dividíanse en grupos de entre cinco e sete alumnos cada un, e teñen unhas xuntanzas previas, nas que un representante de cada un dos grupos acude a ve-los espazos da aula hospitalaria. Coñecen as peculiaridades da aprendizaxe dos nenos e nenas hospitalizados, e os coñecementos que estes teñan en xeral sobre anatomía básica. Xa unha vez na aula, os alumnos e alumnas da Facultade preséntanse cando chegan; coñecen as particularidades de cada un dos nenos cos que van falar; e dan unhas pinceladas do sistema que van tratar nesa sesións que traballan ó longo do curso e amosaban entre abril e maio. Este ano traballarase en transformar eses materiais sobre o corpo humano en actividades de soporte dixital.
 

Por outra banda, a Asociación ADRA colabora co programa Avó, cóntame e cántame que me encanta, dende marzo de 2009. Estes voluntarios acoden ó longo do ano con diversas actividades os últimos mércores de cada mes, onde pequenos e maiores comparten, contos, cancións, chistes e traballos manuais, e ámbalas dúas xeracións aprenden unha da outra. Esta área foi a primeira en pór en marcha esta iniciativa en Galicia. Mediante este programa, a Asociación encárgase de formar ós maiores voluntarios para realizar actividades adaptadas ós máis pequenos, como xogos, contos, e cantigas populares e tradicionais, entre outras; e poden transmitirlles así as súas experiencias vitais e coñecementos. Tras este período de formación, e escollidas e supervisadas as actividades, estes voluntarios e voluntarias acodían ó centro para pór en común esas accións coas rapazas e rapaces ó longo do curso escolar.
 

Xunto con estes, os voluntarios da Cruz Vermella realizaban diversas actividades cos cativos e cativas os martes e os sábados dende o ano 2013. Por último, a Aula Hospitalaria comezaba en 2016 con Scrap, actividades de papiroflexia para nenos e pais unha das novas actividades que se incorporaban os venres. Con gomas, colas, cinta de dobre cara, máquinas de troquelado, cortadoras, purpurinas, tintas, e papelería de distinto tipo, comezaban a traballar e crear, entre outra cousas, tarxetas ou cadernos personalizados, que a mestra ten empregado para valorar con cada nenos cuestións relacionadas coa súa patoloxía.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss