AS MEDIDAS QUE A XUNTA APLICA CO AVAL DO COMITÉ CLÍNICO FUNCIONAN E DAN RESULTADO FRONTE AOS GROMOS DA COVID-19
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 10 2020

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou esta tarde no Parlamento de Galicia que as medidas que adopta a Xunta de Galicia, co aval do Comité clínico, están a funcionar e a dar resultado fronte os gromos da covid-19.

O titular da carteira sanitaria da Xunta puxo en valor o feito de que Galicia continúe a manterse como a terceira das Comunidades Autónomas con menor incidencia acumulada nos últimos 14 días, cun dato de 104,5 casos por cada 100.000 habitantes.
 
Sobre este particular, o conselleiro engadiu que a media de novos casos diarios atópase estabilizada e denota unha certa tendencia á baixa desde finais do mes de agosto.
 
Así mesmo, desde a fin do estado de alarma, e co ánimo de frear a expansión do coronavirus en Galicia, a Xunta decidiu aplicar medidas restritivas en 48 concellos, unha cifra que se incrementará ata os 98 municipios desde esta medianoite. Non obstante, en 33 destas localidades as medidas xa foron levantadas. Neste senso, o conselleiro lembrou que as restricións establecidas para conter a pandemia en Galicia adoitan ter unha vixencia media de 18 días, na meirande parte dos gromos.
 
Durante a súa intervención, García Comesaña subliñou a grande mellora que experimentou o Servizo Galego de Saúde á hora de diagnosticar e detectar novos casos positivos, apuntando que a pasada semana bateuse o récord de PCR realizadas nun só día, con máis de 6.800 probas.
 
Finalmente, o conselleiro de Sanidade salientou o importante labor que está a desenvolver o Comité clínico de expertos no seguimento da evolución da covid-19 en Galicia. Así, expuso que polo de agora, a aplicación de criterios técnicos dá lugar a unha boa evolución epidemiolóxica na nosa comunidade, malia lóxica preocupación por gromos concretos, como é o caso do rexistrado en Ourense.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss