A COCIÑA PROVISIONAL DO CHUF XA ESTÁ ACTIVA NO HOSPITAL NAVAL TRALO SEU TRASLADO DENDE O ARQUITECTO MARCIDE, NO MARCO DO PLAN DIRECTOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 10 2020

Unha semana leva a funcionar a nova Cociña Provisional do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que se activou no Hospital Naval tras trasladala dende o Hospital Arquitecto Marcide. Este cambio é necesario mentres se leven a cabo as obras do novo edificio no Hospital Arquitecto Marcide no marco da Fase I do Plan Director, que albergará a definitiva. A cociña provisional está emprazada no semisoto do Hospital Naval, onde estaba a antiga lavandería naval e unha zona de vestiarios que se desprazou. O traslado realizouse nunha noite sen que se parara a actividade grazas ó esforzo e colaboración dos traballadores e traballadoras; e, tan só no primeiro día tralo traslado, realizábanse 325 bandexas.
As obras de acondicionamento supoñen un importe de 737.858 euros máis IVE e implicaron  a introdución de cambios na organización, como a compartimentación de procesos; ou de melloras tales como o incremento en máis de 200 metros cadrados de superficie, ou, por exemplo, neveiras novas con fluxos diferenciados. Así, os diversos tipos de alimentos (carnes, peixes, verduras ou almorzos) introdúcense ás neveiras por unha porta de entrada, e saen xa para os cuartos de preparación fríos por outra porta diferente, de saída. Xunto con isto, os cuartos de preparación mencionados son tamén individuais para cada unha das materias.
Cúmprese así co principio denominado “de marcha adiante”, clave para a seguridade alimentaria, xa que non se volve atrás en ningún momento cos refugallos. Xunto con isto, mantense a liña quente; e non existen variacións cos menús, xa que as persoas poden seguir a escoller entre dúas opcións a non ser que teñan unha dieta restrinxida. Ademais, estableceuse unha zona de empratado diferenciada cunha cinta nova; e outra de lavado, que conta con dous túneles de lavado, un que xa existía e un novo. Indicar igualmente que hai elementos que se aproveitaron, pero tamén se engadiron outros novos como dúas marmitas, dúas cociñas, ou un forno novos.
Cociña para a poboación da área sanitaria
Na Área Sanitaria de Ferrol producíanse, no pasado ano 2019, un total de 15.641 ingresos hospitalarios. Para a alimentación das persoas ingresadas, sérvense ó redor de 520.000 bandexas anuais. Para que isto sexa posible, traballan un total de 73 persoas na cociña: 58 pinches de cociña, 6 cociñeiros, 2 xefes de grupo de cociña, 2 auxiliares administrativas, 1 xefe de almacén, 1 xefe da unidade e 3 dietistas. Estes profesionais traballan en tres quendas, todo o día, todo o ano. Incorporáronse na cociña provisional do Naval oito persoas máis relacionadas coa distribución das bandexas, que se suman ás citadas 73.
A cociña atende a tódolos tipos de dieta coas súas restricións. Existen ata 170 tipos de dietas, dende as dietas normais, ata as dietas de progresión, de restricións calóricas e proteicas, ou dietas de modificación de texturas, entre outras. Continúa, como xa se mencionou, o menú opcional (entre dous menús), se é posible a nivel clínico. En xeral, sexa a opción restrinxida por dieta ou opcional, tamén aténdense as suxestións dos pacientes sempre que sexa factible. Téntase responder ó gusto do consumidor; e este pode manifestalo tanto a través do persoal do andar, como na tarxeta que vai coa comida. A dieta terapéutica está preestablecida.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss