A ÁREA SANITARIA DE FERROL SÚMASE Á CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DOS COIDADOS PALIATIVOS, MAÑÁ 10 DE OUTUBRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 10 2020

A Unidade de Coidados Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol súmase á celebración nacional do Día Mundial  de Coidados Paliativos, que se celebra mañá sábado 10 de outubro. Os e as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol acollen o lema da Sociedade Española de Coidados Paliativos (SECPAL) e da Asociación de Enfermería de Coidados Paliativos (AECPAL): O meu Coidado, O meu Benestar, que ten como obxectivo que pacientes, profesionais, familiares e poboación en xeral compartan que significa para eles os conceptos de "comodidade" e "benestar" nun proceso de enfermidade avanzada ou de final de vida. Algo tan subxectivo orixina multitude de respostas, tal e como puideron comprobar estas dúas sociedades científicas: “Unha saba estirada, un cambio  postural, a familia sempre presente, o tacto, a comunicación, un espazo tranquilo e sen ruído, poder decidir...”.
Nesta liña, o facultativo responsable da Unidade de Coidados Paliativos do Complexo Universitario de Ferrol e presidente da Sociedade Galega de Coidados Paliativos, Marcelino Mosquera Pena, destaca en relación con isto “a atención humanizada e de calidade más alá do control das síntomas e a dor”. As Unidades de Coidados Paliativos son os dispositivos que se encargan de prestar este tipo de coidados en pacientes con enfermidades oncolóxicas e outras de carácter progresivo, e cun estadio avanzado, nas que a prioridade é proporcionar coidados físicos, psíquicos e sociais ó paciente e á súa familia. Trátase de procurar en todo momento a equidade na prestación dos servizos; a mellora na accesibilidade ós mesmos; unha atención interdisciplinar; e o respecto escrupuloso á autonomía e á dignidade das persoas.
Exposición virtual, sensacións de calma e benestar
Marcelino Pena destaca que cada vez máis os profesionais están sensibilizados cos coidados paliativos, tanto os doutras especialidades como os profesionais en formación. De feito, nos últimos anos, tanto os alumnos e alumnas de Medicina como residentes de Enfermaría escollen este ámbito para a súa formación. Nesta liña de colaboración doutros profesionais con este Día Mundial, integrantes do Curso de Fotografía da Área Sanitaria de Ferrol, que organiza a Asociación Deportiva e Cultural do Área Sanitaria de Ferrol (ADESCAFE), realizaron unha selección de fotografías para axudar a dar visibilidade ó labor que se está a realizar na área.
Compuxeron unha exposición virtual de temática variada “que reflicten as nosas diferenzas e semellanzas, marcadas pola nosa personalidade, pero ensinando aquelas cousas que, dende a subxectividade de cada un, nos transmiten calma, benestar e confort, aspectos da atención ós que se lle adica este ano o Día Mundial dos Coidados Paliativos”. Pódese acceder a esta exposición na páxina da Área Sanitaria de Ferrol. “Esperamos que gocedes delas e que logremos transmitirvos estas sensacións que desexamos para as persoas que precisan dos coidados paliativos”, explican os autores das imaxes.
Coidados paliativos na Área Sanitaria de Ferrol
Por último lembrar que a Unidade de Coidados Paliativos da Área Sanitaria de Ferrol emprázase no primeiro andar do bloque B do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario. Consta de 10 camas, en cuartos individuais, habilitadas con sofá cama e baño asistido. Os espazos están distribuídos de xeito que os servizos xerais quedan na parte central e as habitacións abertas ás fachadas, incrementando a comodidade tanto para pacientes e familiares, como para os propios profesionais. Esta Unidade funciona na área sanitaria ferrolá dende o ano 2005. Inicia a súa actividade co obxectivo de facer unha abordaxe integral ós pacientes cunha enfermidade avanzada e buscar o seu benestar. Forman parte dela un facultativo, unha supervisora de Enfermería; e once profesionais de Enfermaría. Un equipo multidisciplinar no que tamén se inclúe un traballador social, psicóloga e farmacéutica que completan a atención neste eido.
Ademais, a área sanitaria ferrolá conta tamén cun Comité Técnico de Coidados Paliativos, formado por dez membros de diferentes especialidades e categorías, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde, e relacionados cos coidados paliativos. Apostan polo proxecto que agrupa os Coidados Paliativos, a Hospitalización a Domicilio (HADO), a atención ós Crónicos, e o Hospital de Día Médico. O obxectivo deste Comité é “que estes dispositivos traballen en equipo e cunha estreita relación, sobre todo coa atención primaria, para que os profesionais dispoñan dunha atención máis rápida e eficaz” que beneficie ós seus pacientes. Colaboran no asesoramento e promoción dentro da área sanitaria do coidado paliativo; de implicar ós profesionais no que é o é este tipo de coidado, e ata onde se pode chegar co paciente e a súa familia.
Lembrar que, no ámbito da hospitalización, prodúcense unha media de 350 ingresos ó ano  nesta Unidade de Coidados Paliativos (365 ingresos, no pasado ano 2019); e está activa unha Consulta de Coidados Paliativos que “facilita ó paciente o contacto coa Unidade”. Esta consulta amplía o campo de acción a aqueles pacientes que poden aínda vivir no seu domicilio e desprazarse ata o hospital. Prodúcese tódolos días de luns a venres, e existe un número de atención telefónica co que contactar se é necesario. Realizáronse un total de 1.151 consultas o pasado ano 2019.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss