SANIDADE LEMBRA A OBRIGATORIEDADE DE INSCRIBIRSE NO REXISTRO DE VIAXEIROS ÁS PERSOAS QUE VISITEN GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 10 2020

 

A consellería de Sanidade lembra que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia e que estiveran dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3’5 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non.
 
Con este recordatorio, Sanidade continúa a aplicar a folla de ruta deseñada para acadar unha detección e diagnose precoz de calquera infección por coronavirus, protexendo así a saúde dos cidadáns.
 
Nestes intres, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con menor incidencia acumulada nos últimos 14 días,  de acordo cos datos que reflicte o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitaria do Ministerio de Sanidade.
 
As persoas que visiten Galicia na vindeira ponte do Pilar, terán un espazo de tempo de 24 horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto.
 
A web da Consellería de Sanidade recolle a listaxe dos territorios cuxa incidencia epidemiolóxica require desta obriga, podendo ser tanto países extranxeiros coma outras comunidades autónomas. Esta listaxe actualízase quincenalmente, segundo sexa a evolución epidemilóxica de cadanseu territorio.
 
Dúas modalidades para facilitar a información de contacto
Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que está dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros  faciltaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela.
 
Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias. Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto,  independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.
 
Cómpre destacar que a atención que se considere necesaria polos profesionais do Servizo Galego de Saúde, non terán custo para as persoas que a precisen, incluíndo a realización de probas diagnósticas ou, no seu caso, dos tratamentos indicados.
 
Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao incio do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo ás empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss