SANIDADE LIMITA A DEZ PERSOAS AS XUNTANZAS EN TODA GALICIA E RESTRINXE A MOBILIDADE NOS CONCELLOS DO CARBALLIÑO, O IRIXO E BOBORÁS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 10 2020

​A Consellería de Sanidade vén de acordar limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas. Esta é unha das decisións adoptadas polo Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade, logo da xuntanza desta tarde, tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares.

Así mesmo, decidiuse restrinxir a mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, logo da xuntanza desta tarde do Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade. O comité considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos  e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona. Deste xeito, queda establecida unha mobilidade   perimetral entre os concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios.
 
Ademais, decidiuse elevar ao nivel tres de restrición no concello de Verín, no que sigue as restricións de xuntanzas a grupos de convivintes.  Lembramos que bares e cafeterías limitaranse a atender nas terrazas a grupos de persoas convivintes. Os restaurantes poden servir tamén no interior, cun aforo limitado ao 50%.
 

Ademais entra en nivel dous a comarca de Celanova. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros, así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Todas estas medidas, que se publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00:00 horas do xoves.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss