OS SERVIZOS DE URXENCIAS DOS HOSPITAIS DO SERGAS COMEZAN A FACER TEST DE ANTÍXENOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 10 2020

​Os servizos de urxencias dos hospitais do Servizo Galego de Saúde comezaron hoxe a facer test de antíxenos para a  detección de casos de infección pola covid-19. Este tipo de test consiste nunha técnica que se realiza no mesmo punto da atención sanitaria tras a toma da mostra. Trátase dun procedemento sinxelo. Preséntase en pequenos kits que conteñen todo o material necesario para facer as determinacións individualmente. É unha técnica cuxo principal potencial é o de proporcionar un diagnóstico rápido (nuns 15 ou 20 minutos), polo que permite realizar as accións de control de forma inmediata.

Dentro das liñas de actuación de vixilancia, prevención e control da infección pola covid-19, faise indispensable a realización de probas diagnósticas que permitan a detección precoz de novos casos de infección por este virus. No que respecta ás probas de antíxenos, recentemente desenvolvéronse novos kits que presentan uns bos resultados de sensibilidade analítica en estudos en pacientes sintomáticos con menos de sete días de evolución.
 
As probas rápidas de detección de antíxenos, polas súas características técnicas, e o rápido tempo de resposta, considéranse fundamentais para axilizar a confirmación da sospeita diagnóstica nun paciente con cadro clínico de infección respiratoria. O seu uso é especialmente relevante naqueles casos onde se require unha resposta áxil e no menor tempo posible na atención sanitaria, a un paciente con síntomas de infección respiratoria compatible coa covid-19. Por iso, o Sergas priorizou a súa utilización en pacientes con síntomas compatibles coa covid-19 nos servizos de urxencias hospitalarios.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss