O SERGAS DESTACA QUE OS NOVOS ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN DOS PACIENTES FACILITARÁN O TRABALLO CONXUNTO PARA A RECUPERACIÓN TRALA PANDEMIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 11 2020

O Servizo Galego de Saúde convocou hoxe nunha sesión telemática do Consello Asesor de Pacientes, o seu órgano de asesoramento formado por máis de oitenta asociacións de pacientes de toda Galicia, e que representan a colectivos con diversas patoloxías. A reunión estivo presidida polo xerente do Sergas, José Flores, e contou coa presenza da directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán.

No encontro, José Flores puxo en valor a participación activa das asociacións de pacientes na gobernanza do sistema público de saúde de Galicia, e destacou que a escoita activa das voces dos pacientes por parte dos xestores sanitarios “é un dos mellores mecanismos para mellorar a calidade da asistencia”, máxime nun momento como o actual, destacando que cando chegue a recuperación tras esta pandemia “será máis importante que nunca que o novo camiño que emprenda o Sergas o faga acompañado do voso consello e da vosa experiencia”.
 

Nese sentido, lembrou que, froito do éxito do modelo deste Consello Asesor creado no ano 2011, a Xunta de Galicia propuxo en 2018 unha reforma da Lei de Saúde de Galicia na que se incorporou a regulación da existencia de consellos asesores de pacientes en cada unha das áreas sanitarias.

Foro de interlocución
En outubro de 2018 aprobouse a orde reguladora destes consellos de área e abriuse o proceso para a incorporación de asociacións a estes consellos. Tralo debido proceso de tramitación das solicitudes, publicáronse as designacións das seleccionadas e, en marzo de 2019, estaba rematada a composición dos Consellos de Pacientes das sete áreas sanitarias.
 
Deste xeito, estes consellos contan con asociacións de nivel galego que achegan a súa visión ás particularidades de cada área e con asociacións locais que dispoñen agora dun foro formal de interlocución directa coa xerencia da súa área sanitaria. Estes órganos están a ser operativos e xa se reuniron varias veces desde a súa creación, superando, na meirande parte dos casos, a obrigada reunión anual que dispón a normativa.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss