A Área Sanitaria compostelá súmase á celebración do primeiro día nacional da oncoloxía radioterápica destacando que este servizo leva tratados 18.000 pacientes no hospital Clínico
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 11 2020

Santiago, 06 de novembro de 2020.-  A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza súmase á celebración do primeiro día nacional da oncoloxía radioterápica. Aínda que a data  escollida é o 7 de novembro como homenaxe ao nacemento de Marie Curie, o Hospital Clínico acolleu hoxe o acto de conmemoración.

Asistiron a xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez Masid, o xefe do servizo de oncoloxía  radioterápica, Antonio Gómez Caamaño, o experto en radiofísica Ramón Lobato Busto, a supervisora de enfermería Isabel Turnes Cordeiro, a técnico Mónica Sande Piñeiro e a oncóloga radioterápica Paula Peleteiro Higuero.

Este hospital puxo en marcha o servizo de oncoloxía radioterápica en marzo do 2003. Dende o inicio ata hoxe lévanse tratados 18.000 pacientes. Os tumores de mama e de próstata son os máis frecuentes tratados no servizo, preto dun 20% cada un, amais dun 7% de cancro de pulmón e outro tanto de neoplasias de recto, e 5% de otorrinolaringoloxía. O 70% son con intención curativa e o resto, paliativa. Arestora forman parte do servizo 10 facultativos, 7 radiofísicos, 2 residentes de oncoloxía radioterápica e 3 de radiofísica, 17 técnicos de radioterapia, 4 enfermeiros, 2 administrativos, 1 data manager, 1 auxiliar e 1 celador.
 
O doutor Gómez Caamaño, que amais de xefe de servizo é o presidente electo da Sociedad Española de Oncología Radioterápica (SEOR) destacou que o “7N é un día para difundir  e comunicar ante a sociedade o valor da Oncoloxía Radioterápica e de todos os que formamos parte de ela, e aquí hoxe estamos unha mostra do equipo que traballamos neste hospital”.
“Homenaxeamos  o día do nacemento de Marie Curie xa que ela descubriu o radio e abriu o  camiño para o desenvolvemento da Oncoloxía”, engade.
A doutora Peleteiro, tamén vogal da SEOR  indica que “ este día é unha  homenaxe a ela e a  todos os que coa Radioterapia facemos fronte ao cancro: médicos, físicos, técnicos, enfermeiras, pacientes… Imos darlle pulo xunto a este día para que sexa una data anual onde a Oncoloxía Radioterápica teña visibilidade”.
A Radioterapia é un pilar fundamental no tratamento do cancro. Cada ano, un 60% dos pacientes diagnosticados de cancro reciben Radioterapia ao menos unha vez. Deles  un de cada catro en máis dunha ocasión. Esta especialidade ten un papel destacado en máis dun 40% dos pacientes de cancro curados, e preto dun 16% das curacións son directamente atribuíbles á  Radioterapia de maneira exclusiva.
Pódese administrar con intención de curar o cancro como único tratamento ou en combinación con outros tratamentos como cirurxía, quimioterapia, terapias hormonais, inmunoterapia…ou con intención paliativa para mellorar os síntomas e a calidade de vida dos pacientes. A nivel nacional representa só o 5% do gasto total en cáncer
Coa incorporación de novas tecnoloxías nos distintos Hospitais de España, gracias á doazón da fundación de Amancio Ortega, podemos tratar tumores con precisión milimétrica aumentando así as posibilidades de controlar localmente  o tumor e con elo aumentar a  supervivencia.
O doutor Gómez Caamaño subliña que ”a pesar do enorme beneficio que aporta a Radioterapia ao paciente Oncolóxico coa súa gran precisión, eficacia e excelentes resultados segue sendo un pilar invisible e descoñecido, por iso dende a Sociedad Española de Oncoloxía Radioterápica a través da celebración dun día dedicado á nosa especialidade queremos darlle visibilidade a esta especialidade que leva máis de 100 anos salvando vidas”.
 

 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss