O SERGAS PRESENTA AOS SINDICATOS UN PLAN DE CONTINXENCIA COVID-19 EN RECURSOS HUMANOS COA CONTRATACIÓN INMEDIATA E POR UN ANO DE MÁIS DUN CENTENAR DE PROFESIONAIS DE ENFERMERÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 11 2020

 

Hoxe celebrouse a reunión da Mesa sectorial de Sanidade, a través de videoconferencia, coa asistencia do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, os directores xerais de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, de Saúde Pública, Carmen Durán, e de Recursos Humanos, Ana Comesaña e coa asistencia dos representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE, UGT.
 
Na reunión presentouse un Plan de continxencia covid-19 en materia de recursos humanos, un documento que incorpora unha vintena de medidas extraordinarias en materia de persoal que se consideran precisas para facer fronte á situación de emerxencia sanitaria.
 
Entre outras materias, o Plan contempla que se poidan realizar, a partir do 1 de decembro, 750 nomeamentos de emerxencia sanitaria na categoría de persoal de enfermería cunha duración mínima de catro meses, chegando 150 destes contratos a unha duración dun ano.
 
Así mesmo prevese realizar nomeamentos de emerxencia sanitaria noutras categorías, tanto de atención primaria como hospitalaria, cunha duración mínima de catro meses a determinar en función das necesidades asistenciais.
 
O mesmo plan inclúe unhas bases de regulación do teletraballo e flexibilización de xornada adaptadas as institucións sanitarias, medidas estas que se teñen revelado como un instrumento organizativo eficaz para manter a actividade e a prestación do servizo público na situación de pandemia.
 

En canto a listas de contratación, o Plan contempla diversas medidas como valorar como mérito a dispoñibilidade continuada das persoas aspirantes de emprego temporal, cunha puntuación adicional específica nos baremos por esta dispoñibilidade, premiando así a aqueles profesionais que se incorporan á prestación de servizos cada vez que son chamados polo Servizo Galego de Saúde, recoñecendo de esta forma a súa colaboración.
 

Oferta de emprego 2020
Na mesma reunión presentouse o proxecto de decreto de oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde 2020, que inclúe 973 prazas para persoal estatutario, que se suman ás aprobadas ininterrompidamente por este organismo desde o ano 2012 o que supón, no total do período, 6.909 prazas no sistema sanitario público galego.
 

Está prevista a convocatoria de 652 prazas de persoal licenciado sanitario, para médicos de familia, pediatras de atención primaria, médicos de urxencias, médicos do 061, e facultativos de atención hospitalaria das diferentes especialidades. Nas categorías sanitarias (enfermería, fisioterapeutas, enfermería especialistas,...) ofertaríanse 275 prazas,  e nas categorías de xestión e servizos 46 prazas.

Esta oferta esgota a taxa máxima de reposición de efectivos do 100%. Neste senso, a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade teñen solicitado de modo reiterado aos ministerios competentes en materia de Facenda, Función Pública e Sanidade a eliminación da taxa de reposición actualmente vixente.
 

Se a Administración do Estado elimina definitivamente a taxa de reposición, o Sergas podería ofertar a cifra histórica de 3.500 prazas na referida OPE 2020 para estabilización dos profesionais da sanidade pública galega.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss