A ÁREA SANITARIA DE FERROL E A FUNDACIÓN THEODORA COLABORAN PARA OFRECER APOIO VIRTUAL ÓS NENOS E NENAS HOSPITALIZADAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 11 2020
​A Área Sanitaria de Ferrol está a colaborar coa Fundación Theodora para ofrecer apoio virtual ós nenos e nenas hospitalizadas e as súas familias. Así, o Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acolle, dende o pasado mes de setembro, as visitas virtuais dos Doutores Sorriso de Fundación Theodora.
 
Nos andares de hospitalización pediátrica do Complexo pódense acceder ás instrucións do novo programa VIVIR (Visitas Virtuais a nenos e nenas hospitalizados) da Fundación, que crearon este ano co obxectivo de “seguir ofrecendo espazos de alegría e evasión ós menores ingresados e ás súas familias”. O programa consiste na realización de visitas virtuais, en directo e de forma personalizada, de Doutores Sorriso da Fundación a nenas e nenos ingresados, para facer máis levadía a súa estancia hospitalaria, a través do humor e a ilusión.
 
A nova situación derivada da pandemia pola COVID-19 paralizou moitas das  actividades de humanización con organizacións e voluntarios na maioría dos hospitais. Por iso, Fundación  Theodora impulsou a creación do seu programa ‘VIVIR’, que, a través de videochamadas personalizadas, mantén as visitas dos Doutores Sorriso nas habitacións do hospital, para ofrecer ós menores e as súas familias un alivio aínda hoxe máis necesario, e garantindo os protocolos de seguridade.
 
Como podo recibir a estes especiais doutores no meu cuarto
Existe comunicación ós pais desde o hospital, a través de carteis e co persoal destes andares, que sempre colabora en difundir e axudar a materializar aquelas accións que beneficien ós máis pequenos. Os responsables dos menores hospitalizados solicitan, se así o desexan, unha visita puntual destes especiais doutores a través do envío dunha mensaxe ao número de Whatsapp 603 14 58 63. Unha vez realizada a petición, reciben unha resposta automática que lles redirixe á plataforma na que poden reservar o día e a hora que prefiran para que un Doutor ou Doutora Sorriso regale ós pequenos os seus xogos, cancións e trucos de maxia.
 
Os Doutores Sorriso da Fundación Theodora son artistas profesionais con cando menos catro anos de experiencia profesional escénica, e que, unha vez que comezan a traballar coa Fundación, seguen uns esixentes procesos de calidade e formación psico-sanitaria.
 
CHUF e Fundación Theodora
O Hospital Arquitecto Marcide recibiu a visita presencial destes artistas hospitalarios durante anos e agora, respondendo á situación actual, engade esta iniciativa á súa lista de proxectos de humanización, impulsando as novas tecnoloxías como unha vía máis para acadar os seus obxectivos nesta ámbito.
 
A Fundación Theodora é unha ONG que naceu en Suíza en 1993 co obxectivo de levar risas, alegría e maxia ós nenos e adolescentes hospitalizados. Os seus fundadores , André e Jan Poulie, homenaxean así á súa nai, Theodora, quen levou a alegría á habitación de  André cando este pasou longos períodos hospitalizado de neno. Na actualidade, a Fundación chega a máis de 125 hospitais de oito países en todo o mundo. Traballan en España dende o ano 2000, onde un equipo de 33 artistas profesionais visita ós nenos ingresados en máis de 40 hospitais de todo o país, entre eles o Complexo Ferrolán.
 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss