SANIDADE SUBLIÑA O COMPROMISO DA CIDADANÍA COA DOAZÓN DE SANGUE E LEMBRA A NECESIDADE DE AUMENTAR AS RESERVAS DOS GRUPOS A POSITIVO E CERO POSITIVO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 11 2020

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, doou sangue hoxe nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García. Sanidade apela á xenerosidade e solidariedade da cidadanía para que doen sangue. Aínda que, coma sempre, o chamamento é xeneralizado á participación de todos os doadores e doadoras, nestas semanas estase a precisar un aumento de doazóns dos grupos A Positivo e Cero Positivo.

Sanidade lembra que, ao longo da presente semana, as unidades móbiles de ADOS visitaran máis de 40 concellos galegos para facilitar o acceso á doazón da cidadanía, un esforzo significativo ao que hai que engadir a posibilidade de participar nos sete locais permanentes de atención ao doador de sangue, existentes nas sete grandes cidades galegas.

Así mesmo, desde ADOS lembran que está a desenvolverse a primeira fase da campaña de doazón en centros educativos, universitarios e non universitarios. Así, desprázanse as unidades móbiles da Axencia ata as inmediacións dos centros educativos e supón o primeiro contacto coa doazón de sangue dos máis novos e novas.

Campañas informativas

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue  desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida á  cidadanía e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a levar a cabo iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.
 
Para iso pon a disposición da cidadanía a súa web, ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.es; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais, como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss