ENFERMERÍA INTERNA RESIDENTE (EIR) COMPARTE INFORMACIÓN SOBRE A COVID CON ALUMNADO DO IES DE NARÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 11 2020

​Un grupo de sete Enfermeiras Internas Residentes (EIR) de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol compartiron esta semana información sobre a Covid con alumnado de 3º e 4º da ESO do IES As Telleiras de Narón. Fixeron unha intervención comunitaria (accións realizadas directamente na comunidade ou entorno social) con sete charlas divididas en dous días, luns e mércores, nas que lles explicaron cuestións básicas relacionadas coa enfermidade da Covid, e responderon as dúbidas que os máis novos tiñan.

Cristina Pardo López, Susana Pan Pombo, Alicia Soto García, Mario Rifá Crespo, Ignacio Paz Melero, Ana Lago Salgado, e Zaira Tojo Maña fixeron o esforzo voluntario dentro da súa formación, e servíronse de distintas fontes sanitarias para a preparación do material, que foi supervisado pola  titora de EIR de Narón, a enfermeira do centro de saúde de Narón, Sofía Martínez-Falero. “O obxectivo -explica a titora- é ofrecer información ós máis novos para que entendan o que pasa e por que hai restricións e normas, para poder así cumprilas”. Trátase de que “eles mesmos se convertan en axentes de saúde”.
 
Coñecer máis polo miúdo o virus e saber que podo facer eu
Pola súa banda, os e as EIR que impartiron as charlas destacaron a boa acollida por parte dos nenos e nenas, atentos e curiosos a tódolos aspectos que se trataban. Abordouse que é o coronavirus e axudaron a comprender a diferencia entre un virus e unha bacteria. Explicáronlle que o coronavirus non é algo novo, que xa hai moitos que causan infeccións respiratorias, e fixeron un percorrido polos anteriores ata chegar a este da Covid-19, que “é unha enfermidade respiratoria (conxunto de síntomas e signos) causada polo virus SARS-Cov-2”.
 
EIR e o alumnado entraron polo miúdo, con cadansúa explicación individual, en cada unha das síntomas e conceptos, axudándolle a diferencialos: aumento da temperatura, febre, tose, sensación de falta de ar (disnea), perda de olfacto (anosmia), perda de gusto (ageusia), dor de gorxa (odinofaxia), secreción ou goteo nasal (rinorrea), debilidade ou fatiga xeral (astenia), dor muscular (mialxia), dor das articulacións (artralxia), náuseas ou vómitos, e diarreas. Explicáronlle que normalmente estas síntomas preséntanse de xeito leve, pero que se debe solicitar asistencia médica cando se produce febre alta que non cede, empeoramento xeneralizado das síntomas, ou brusca sensación de falta de ar. Explicáronlles que se amosa que os contaxios nos nenos e adolescentes é menor, pero prodúcese.
 
Que papel xogades vós?
Esta é a pregunta que os EIR lle fan ós alumnos e chegan con eles á resposta: “parte de vós pasaredes a enfermidade sen síntomas, pero podedes contaxiar ós demais, por iso é importante aprender como pasa o virus duns a outros e como evitalo con medidas hixiénicas”.
 
Centraron a atención nos tres M: M de metros, distancia entre as persoas non convivintes de cando menos 1,5 metros, pero “canta máis separación, menos risco de transmisión sobre todo en lugares pechados”. O M de mans, incidindo no lavado e hixienización das mesmas, pero non de calquera maneira; a este aspecto dedicaron un tempo para aprender a facelo correctamente e cando menos durante 40 segundos. E o terceiro M, o da máscara, que “impide a principal vía de transmisión, que é mediante o contacto de mucosas (ollos, bocas, e nariz) con gotas”. Tamén viron con eles os tipos de máscara, as súas diferencias, e o mellor xeito de usalas.
 

Incidiron tamén na regra dos tres C da OMS, esas situacións que deben evitar e onde a transmisión do virus amosouse moito maior: C de sitios “cerrado”, ou con pouca ventilación; C de sitio “concurrido” ou abarrotado; e C de “contactos achegados”. A partir destas tres C falaron da ventilación, os contactos, e como actuar en espazos pechados.

 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss