AS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL NA MULLER SON O EIXE DA IX SESIÓN DA REAL ACADEMIA DE MEDICINA E XINECOLOXÍA DO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 11 2020

​Ferrol (ASF), venres 13 de novembro de 2020.- As Infeccións de Transmisión Sexual na muller é o tema escollido este ano para a IX Xornada coorganizada entre a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este encontro anual foi na tarde de onte cos asistentes divididos entre o salón de actos do Arquitecto Marcide e do Hospital Naval por mor da prevención fronte a Covid. Estes encontros afondan cada ano en cuestións de interese para os profesionais, tanto facultativos como de Enfermaría dos centros de saúde, e do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e procuran mellorar a coordinación, ampliar  temas ou actualizar guías e protocolos.

Como resumo os coordinadores deste encontro, o xefe do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía, o especialista Manuel Ángel Veiga Tuimil; e o xinecólogo, Javier Martínez Pérez-Mendaña, o obxectivo xeral desta nova edición é “optimizar a asistencia sanitaria ás mulleres con infeccións de transmisión sexual (ITS) na Área Sanitaria de Ferrol”. Abórdanse fundamentalmente, entre as múltiples patoloxías nesta ámbito, as que afectan á esfera xenital. A este obxectivo xeral, súmanse os específicos de “promover a prevención das ITS na Área involucrando a tódolos profesionais implicados na atención á muller. Promover o diagnóstico precoz das ITS; e mellorar os circuítos de toma de mostras e procesado das mesmas, así como as derivacións entre os niveis asistenciais e as unidades da Área Sanitaria de Ferrol.
 
Epidemioloxía das ITS; a avaliación xeral e seguimento dunha muller con sospeita de  IT; o estudo de contactos; recollida e procesado das mostras; prevención e diagnóstico precoz; uretrite, cervicite e  vaxinite; enfermidades ulcerativas; ou enfermidade  inflamatoria  pélvica; Virus do papiloma humano, entre outras, son algunhas das temáticas que se abordaron. O responsable de Xinecoloxía, Manuel Veiga, destaca que se trata de “pór en común diversos aspectos, xa que cada unha ten as súas características; estar ó tanto do control dese incremento continuo que se está a producir; e actualizar e unificar as guías de traballo interno ó respecto”.
 
De feito, xa no ano 2008, debido ao interese dun grupo de profesionais desenvolveuse a primeira guía de ITS da Área Sanitaria de Ferrol (ASF). Supuxo un primeiro paso na racionalización da atención das mesmas na Área. No ano 2018, constituíuse un novo grupo de traballo encamiñado a resolver aquelas situacións non resoltas na guía previa. Esta xornada contribuirá ó desenvolvemento da nova guía e á difusión das novas recomendacións e a estratexia da OMS.
 
ITS, incremento atribuído á relaxación das medidas preventivas
As infeccións de transmisión sexual (ITS) son un dos problemas de saúde pública máis frecuentes. Provocan unha elevada  morbilidade, en moitos casos, secuelas a medio e longo prazo (dor crónica, esterilidade, cancros, inmunodeficiencia…). Tamén causan mortalidade. En moitas ocasións son asintomáticas ou presentan síntomas leves que non sempre permiten diagnosticalas, o que facilita a súa propagación. As coinfeccións son frecuentes; de feito, padecer unha ITS é un factor de risco para contraer outra. Algunhas ITS, como o  herpes xenital ou a sífilis multiplican por tres o risco de contraer o VIH. Nas dúas últimas décadas, produciuse un incremento que se atribúe á relaxación nas medidas preventivas.  Debido a todo iso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) puxo en marcha a estratexia mundial do sector da saúde contra as infeccións de   sexual 2016-2021, co obxectivo de que diminúan radicalmente as  ITS e as mortes relacionadas coas mesmas no ano 2030.
 
“A taxa de ITS en homes e mulleres é semellante, con todo, as complicacións afectan  desproporcionadamente ás mulleres, de aí que se aborden de xeito especial neste encontro. Algunhas  ITS (sífilis, VIH,…) pódense transmitir da nai a fillo durante o embarazo ou durante o parto, o que causa infección  fetal ou neonatal coa consecuente morbimortalidade (morte  fetal ou  neonatal,  prematuridade, baixo peso,  septicemia, pneumonía, conxuntivite, anomalías conxénitas,…)”, estas cuestións son as que fan pertinente unha xornada específica.
 

Os organizadores destacan que é necesario que tódolos profesionais da saúde, especialmente os de Atención Primaria, posúan coñecementos suficientes para a abordaxe das mesmas. Deben de estar formados achega do diagnóstico precoz, as mostras necesarias, a maneira de procesalas, a  despistaxe doutras ITS, o tratamento e o manexo dos contactos sexuais. Tamén é necesario que se impliquen na prevención, incidindo en toda a poboación pero especialmente nas persoas con factores de risco. Débense fomentar o uso de vacinas nas  ITS para as que existen. De feito a más habitual é o Virus do Papiloma Humano, para a que existe vacina.

Nesta liña de prevención, estes profesionais recordan que “estas enfermidades pódense previr coa relacións sexuais responsables, e cos medios de protección axeitados. O preservativo segue a ser a base da prevención na maioría das situacións cunha seguridade, correctamente empregado, case do cen por cen”. Os asistentes coincidiron na necesidade de potenciar a educación temperá, sobre todo no ámbito escolar e familiar, para que coñezan os riscos e tomen medidas preventivas non só para evitar o embarazo, se non tamén para evitar a enfermidade.
 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss