O SERGAS ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS PRIMEIRAS LISTAS DE SELECCIÓN TEMPORAL POLO SISTEMA DE ACCESO RESERVADO A PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 11 2020

O Diario Oficial de Galicia vén de  publicar o anuncio polo que se inicia, o vindeiro luns, o prazo de inscrición de aspirantes nas listas de selección temporal de persoal estatutario da categoría de celador, polo sistema de acceso reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

No pasado mes de outubro incorporáronse 30 profesionais, adxudicatarios das prazas da primeira oferta de selección fixa para a categoría de celador pola quenda de discapacidade intelectual. Co obxecto de avanzar na integración laboral no ámbito sanitario das persoas con discapacidade, publícase agora a apertura de inscrición nestas listas, para cubrir as vacantes e as necesidades temporais de persoal debidas ás ausencias que se poidan xerar deste persoal fixo. Será compatible a inscrición por esta quenda de acceso coa inscrición na lista xeral da categoría de celador.
 

Aplicarase neste proceso o baremo de méritos do último proceso de selección fixa convocado para o acceso a prazas desta categoría polo sistema de acceso reservado a persoas con esta discapacidade.

Contra esta resolución, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
 
As persoas interesadas deberán cubrir unha solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/sección de procesos) á que se accede a través da páxina web do Sergas (www.sergas.es). Para a primeira xeración destas listas teranse en conta as solicitudes realizadas entre o 16 de novembro e o 15 de decembro de 2020.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss