A ÁREA SANITARIA DE FERROL XA CONTA CON DOUS PACIENTES EN DIÁLISE PERITONEAL AUTOMATIZADA NO DOMICILIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 11 2020

​O Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Área Sanitaria de Ferrol volve incorporar as máximas vantaxes para os pacientes renais crónicos. Esta Área xa conta con dous pacientes no novo sistema de diálise peritoneal automatizada e telemonitorizada no domicilio, un deles era o primeiro en se incorporar a esta modalidade de atención de toda Galicia a pasada semana. No presente ano, un total de 25 pacientes foron tratados con diálise peritoneal no Complexo.

Pero agora, dáse un paso máis, os datos intégranse e os sanitarios poden facer un control diario de tódalas cuestións relativas á monitorización e seguimento dos aspectos clave da enfermidade dese paciente, en remoto, e no día a día. “Os pacientes non se teñen que desprazar ó centro hospitalario, que neste momento é un factor importante; e o control é constante e diario”, subliña a enfermeira de Nefroloxía, Mónica Cunha, sobre esta nova modalidade que se iniciaba cos pacientes nestes días.
 
Que é a Diálise peritoneal e vantaxes da nova modalidade
A diálise peritoneal utiliza unha membrana natural como é o peritoneo como filtro para eliminar os residuos do torrente sanguíneo, e permite a pacientes con enfermidade renal crónica avanzada tratarse en casa, axustando o tratamento ó seu modo de vida, ofrecéndolles maior liberdade, independencia e intimidade. A telemonitorización que se incorpora mellora os resultados da unidade de diálise domiciliaria ó aumentar o control, a seguridade e a adherencia do paciente ó tratamento, á vez que evita desprazamentos e visitas dos pacientes.
 
Polo tanto, a diálise peritoneal domiciliaria telemonitorizada é unha modalidade de tratamento substitutivo renal que permite ós pacientes con enfermidade renal crónica avanzada tratarse en casa, na que a maiores as e os sanitarios implicados poden consultar os datos do tratamento 24 horas ó día, sete días á semana sen que o paciente se teña que desprazar ó hospital. Implántase  HomeChoice  Claria, que incorpora Sharesource, unha nova plataforma de comunicación bidireccional que permite esa telemonitorización do paciente. A monitorización remota ofrece cadros de mando cos datos diarios dos tratamentos, alertas gráficas, avisos configurables, a evolución dos datos históricos dos tratamentos e a posibilidade de analizar a información e de crear informes personalizados.
 
Con ela, os profesionais da saúde poderán dispoñer de acceso ás cuestións máis relevantes do tratamento domiciliario do paciente, e enriquécese a capacidade de resposta do profesional sanitario ante calquera incidencia, facilitando un seguimento clínico máis estreito. Igualmente, a plataforma asegura un aumento do control, a seguridade e a adherencia do paciente ó tratamento. Con iso, ademais, pódese reducir o número de visitas.
 
Nefroloxía na nosa Área Sanitaria
Lembrar que a atención ás enfermidades do ril recae en Nefroloxía da Área Sanitaria de Ferrol que ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadios evolutivos da enfermidade. Un total de cinco facultativos especialistas e dez profesionais de Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade. 
 
Nefroloxía abrangue a Hospitalización, as Consultas Externas, e a Unidade de Diálise. Esta Unidade ten capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. Realízase Diálise domiciliaria e a hemodiálise de crónicos e de agudos. No caso da hemodiálise, existe no Complexo para a súa aplicación un sistema de tratamento con capacidade de producir auga ultrapura, totalmente libre de contaminación bacteriana. Cóntase tamén con dispositivos  portátiles para a hemodiálise domiciliaria, o que simplifica o tratamento e facilita o mantemento da vida social e laboral do paciente. A diálise peritoneal automatizada e telemonitorizada é outra das novidades que este departamento se preocupa de incorporar en beneficio do seguimento dos seus pacientes.
 
Pola súa banda, nas consultas externas abórdase a Nefroloxía Xeral, e conta tamén con tres consultas monográficas, a de Enfermidades Glomerulares e Sistémicas, a de Enfermidades Renais Hereditarias e a de Enfermidade Renal Crónica Avanzada. As enfermidades glomerulares son un grupo de enfermidades do ril que afectan ao glomérulo, unha estrutura encargada de filtrar o sangue para producir a urina; diversas enfermidades poden facer que se perda esta barreira, eliminándose na urina proteínas e distintos tipos de células. Sen un correcto tratamento, estas enfermidades poden levar á insuficiencia renal en pouco tempo. Pola outra banda, diversas enfermidades sistémicas como son o lupus ou as vasculites poden afectar tamén ao ril e conducir a unha insuficiencia renal terminal sen un tratamento axeitado.

SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss