O PROGRAMA DE OPTIMIZACIÓN DO USO DE ANTIMICROBIANOS (PROA) DA ÁREA SANITARIA DE FERROL REDUCE NUN 35% O CONSUMO DOS ANTIBIÓTICOS DE MÁIS ALTO ESPECTRO ANTIMICROBIANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2020

​A Área Sanitaria de Ferrol conta cun Programa de Optimización do Uso de Antimicrobianos (PROA), que, entre outras cuestións, reduciu nun 35% o consumo do Meropenem, que pertence o grupo dos antibióticos de máis alto espectro antibacteriano, e con maior impacto ecolóxico para o desenvolvemento de resistencias; e todo iso sen diferencias na evolución clínica dos pacientes. Os profesionais que traballan neste ámbito queren chamar a atención sobre o consumo dos antibióticos no Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos que se celebra hoxe 18 de novembro. O programa PROA é unha iniciativa da Comisión de Infeccións e implica concienciar á sociedade e profesionais sanitarios dos riscos asociados ó uso inadecuado de antibióticos. Nel están implicados a farmacéutica, Belén Bardán García; o microbiólogo Pedro Miguel Juiz González; e o facultativo da Unidade de Infecciosas, José Francisco García Rodríguez.

Os antimicrobianos (antivirais, antimicóticos, antibacterianos e antimicobacterias) son fármacos que teñen amosado unha grande eficacia na redución da morbilidade e a mortalidade das enfermidades infecciosas, pero a súa utilización excesiva ou inadecuada pode contribuír a aparición de resistencias microbianas, é dicir, perder a afectividade do tratamento para infección nun paciente. Este programa púñase en marcha no ano 2014 na Área Sanitaria de Ferrol, que era das primeiras en activalo; e entre os seus obxectivos está mellorar os resultados dos pacientes con infeccións; minimizar os efectos adversos asociados ó emprego destes antimicrobianos, incluíndo as resistencias; e garantir o emprego de tratamentos o máis costo-efectivos posible. Para a consecución destes obxectivos, este grupo multidisciplinar realiza unha serie de actividades encamiñadas á mellora na prescrición dos antibióticos no ámbito hospitalario, sempre con vocación de asistencia e asesoramento ó prescritor, e que se monitorizaran con indicadores cuantitativos.
 
Nese sento, e neste día, destácanse cuestións clave que a poboación debe coñecer e interiorizar: “Non. Os antibióticos non serven para todo”; os antibióticos non son efectivos fronte ós virus, causa da maior parte das infeccións respiratorias; débense consumir antibióticos só con indicación médica, xa que tomar un antibiótico non indicado pode xerar resistencias e que perda eficacia cando realmente faga falta; e débense seguir as doses de antibiótico recomendadas, nin máis, nin menos; e na súa duración establecida.
 
Como se actúa no marco programa PROA e resultados
O equipo de PROA avoga tanto pola interacción directa cos profesionais das distintas especialidades do hospital susceptibles de prescribir un antimicrobiano, como por estar dispoñibles para o asesoramento sobre a mellor opción terapéutica, e o control de resposta do paciente á mesma. Fan un seguimento dos pacientes ós que se lle prescribe un antibiótico, e se poñen en contacto cos profesionais, isto é, fan un diagnóstico da realidade actual en relación co consumo destes antimicrobianos, e o comportamento das resistencias no ámbito hospitalario ferrolá. Así, coñecen os problemas e vixían aqueles microorganismos multirresistentes (como algúns tipos de enterobacterias, pseudomonas, acinetobacter, staphilococos ou enterococos, entre outros).

PROA está accesible no portal interno da Área Sanitaria para tódolos traballadores, onde poden consultar as guías de tratamento antibiótico. Ademais da mencionada redución no Meropenen, tamén diminuíron nun 38% as infeccións graves con bacteriemia, infección que pasa ó sangue, por microorganismos multirresistentes, e a mortalidade destes pacientes. Unha multirresistencia é cando un paciente con infección só é sensible a un limitado grupo de antibióticos, quedando moi diminuído así o espectro de tratamentos posibles. E esta diminución conséguese a pesar de que, indican os especialistas do programa, “prodúcese un aumento da complexidade dos pacientes que atendemos e da actividade cirúrxica”.

Estes mesmos profesionais indican que o 85% do consumo de antibióticos se sitúa na Atención Primaria; e que grazas, entre outras cuestións, á realización de formación e á concienciación de todos, profesionais e poboación, produciuse un cambio de tendencia no consumo, e diminúe un 5% de media anual, nos últimos 5 anos. “Hai que ter presente que un 30% dos tratamentos antibióticos a tódolos niveis, tanto hospitalario como de centro de saúde, son innecesarios, sobre todo nas infeccións respiratorias, que a inmensa maioría son de carga vírica”, engaden. E rematan indicando que, en base a informes microbiolóxicos, “o Complexo é o hospital de Galicia con menos resistencias ós antibióticos nos microorganismos que se asocian máis coas infeccións hospitalarias”.
 
Manter a eficacia para xeracións futuras
De xeito global, recordar que o obxectivo do Día Europeo para o Uso Prudente do Antibiótico é sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia ós antibióticos supón para a saúde pública, e fomenta-lo emprego prudente do mesmo. Usa-los antibióticos con esa prudencia pode axudar a deter o desenvolvemento de bacterias resistentes; e conseguir que os antibióticos manteñan a súa eficacia para as xeracións futuras. Un emprego inadecuado do mesmo pode ser causa de colonización ou infección por bacterias resistentes (restando ou anulando a efectividade do propio tratamento) ou de incremento de infeccións, desencadeando problemas de saúde.
 
A clave é non automedicarse; tomar só a medicación antibiótica con prescrición facultativa; e que os profesionais contribúan ó control do consumo dos mesmos por parte dos pacientes. Esta semana recórdanse as mensaxes relacionadas co uso prudente do antibióticos nas pantallas dos ordenadores dos profesionais; e nas pantallas informativas do sistema Quendas do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol nos espazos de espera para os pacientes.
 
SAÚDOS, 
COMUNICACIÓN DA ÁREA SANITARIA DE FERROL

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss