ALTA PARTICIPACIÓN NOVAMENTE DO SERVIZO DE UROLOXÍA DO CHUF NO ENCONTRO NACIONAL DESTA ESPECIALIDADE, POR PRIMEIRA VEZ VIRTUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 11 2020

​O Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol volve destacar no ámbito nacional coa presentación de 27 comunicacións no I Congreso Nacional Virtual de Uroloxía, que se celebra entre hoxe 23 de novembro e o 3 de decembro. Inclúen traballos de diversa temática relativos a diferentes aspectos desta especialidade, sobre todo no referido á patoloxía oncolóxica, na que este Servizo xa destacaba hai anos, como por exemplo, a cirurxía laparascópica. Os temas dos que tratan as comunicacións son cancro de próstata, cancro de vexiga, cancro de ril, cancro de  glándula  suprarrenal, ou cancro de vía urinaria superior. É dicir, trátanse temas relacionados con cancro da maior parte dos órganos do aparello xénito-urinario, con especial dedicación ó cancro de próstata.

O cancro de próstata é a temática máis frecuente relacionado coa grande experiencia neste Complexo, dende hai 15 anos, no tratamento laparoscópico, minimamente invasivo, do cancro de próstata e das metástases do cancro de próstata nos ganglios  linfáticos. De feito, o Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi o primeiro de Galicia e un dos primeiros de España, no ano 2005, en empregar a abordaxe laparoscópica para o tratamento do cancro de próstata. E esta experiencia tradúcese nunha elevada calidade cirúrxica, como así o demostran os numerosos recoñecementos autonómicos e nacionais que o Servizo de Uroloxía do Complexo recibiu na última década.
 
Novidades e abordaxe de diversas cuestións
Os especialistas de Uroloxía da Área Sanitaria de Ferrol abordan neste encontro dous aspectos oncolóxicos novos. Unha delas, os resultados da cirurxía laparoscópica das metástases do cancro de próstata nos ganglios linfáticos. Trátase dun procedemento cirúrxico que atrasa significativamente a evolución do cancro de próstata, e, probablemente, aumenta a supervivencia e mesmo pode lograr a curación dalgúns pacientes. Este procedemento cirúrxico é moi novo e, pola súa complexidade, realízase en moi poucos centros hospitalarios de España. E a segunda das novidades é que no Servizo de Uroloxía do  Complexo, explican “desenvolvemos un modelo morfolóxico para predicir as dificultades e os resultados da nefrectomía parcial laparoscópica (tratamento do cancro de ril extirpando só o tumor, deixando o ril), que é unha cirurxía tamén de gran complexidade.
 
En termos xerais, neste primeiro encontro virtual, trátanse temas oncolóxicos relativos a diversos factores preditivos, factores que inflúen nunha mala ou boa evolución, e que poden afectar ós pacientes con cancro de próstata, vexiga e da vía urinaria superior, que foron tratados mediante cirurxía laparoscópica. Fálase igualmente dos resultados do tratamento do cancro de próstata avanzado mediante o emprego de fármacos hormonais de última xeración, que son administrados polos urólogos, e que permiten prolongar a supervivencia dos pacientes nesta fase da enfermidade ata dous anos, sen afectar á calidade de vida dos pacientes.
 
O tratamento cirúrxico do cancro de próstata nos homes maiores, “onde observamos que, cando se ten moita experiencia cirúrxica, os resultados son similares ós dos homes máis novos”, é outra cuestión que se aborda neste encontro xunto coa a radioterapia externa no cancro de próstata, tanto para o tratamento do tumor primario, como da progresión do mesmo tralo tratamento cirúrxico.
 
Neste encontro, explican, “discutimos tamén sobre cales son os factores que predín a aparición de complicacións cirúrxicas tras cistectomía (extirpación da vexiga) por cancro de  vexiga. Este procedemento é dunha gran complexidade e é necesario utilizar un segmento de intestino para confeccionar unha nova vexiga (neovexiga), de forma que os ouriños sigan saíndo pola uretra, ou ben para realizar un estoma, de forma que sexa necesario colocar unha bolsa de ouriños no abdome.
 
Uroloxía non oncolóxica
Por último, reseñar tamén que inclúen temas non oncolóxicos, como a cirurxía  laparoscópica do  prolapso de órganos pélvicos na muller, tanto da vexiga, como do recto. Este é un problema moi frecuente nas mulleres sobre todos nas que tiveron partos múltiples ou partos difíciles. Os órganos da pelvis caen (vexiga, recto e útero) e isto ocasiona importantes molestias e alteracións da imaxe corporal. “A nosa  casuística é moi ampla e os resultados son excelentes, como observamos pola enquisa de satisfacción que pasamos ás pacientes”, indican.
 
Outra das cuestións é a cirurxía laparoscópica da hipertrofia prostática benigna, “presentamos unha  casuística moi ampla, con 171 pacientes, cunha enorme melloría das síntomas urinarias, en pacientes nos que o tratamento farmacolóxico xa non funciona”. Xunto con isto, a cirurxía da estreiteza da uretra (uretroplastia), coa presentación tamén dunha ampla casuística (un total de 64 casos). Cando o segmento uretral estreito é moi longo, emprégase un enxerto da mucosa da boca, para substituír o segmento uretral estreito, con bos resultados.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss