Galicia duplica o seu orzamento para infraestruturas de Atención Primaria con preto de 60 millóns de euros para 2021
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 11 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que Galicia duplica o seu orzamento para infraestruturas de Atención Primaria con preto de 60 millóns de euros para 2021. “Non se trata de falar, senón de facer, e de plasmar sobre papel as partidas concretas para cumprir o comprometido e seguir modernizando e finalizando o mapa de hospitais e centros de saúde do novo Sergas”, aseverou.
Durante unha visita ás instalacións do novo centro de saúde da Estrada, Feijóo salientou que os presupostos de 2021, “os maiores orzamentos da historia da Comunidade”, investirán na Sanidade Pública 475 millóns de euros máis que este ano, chegando así á cifra récord total neste eido de preto de 4.600 millóns.
“Estamos a falar duns orzamentos para 2021 claramente sanitarios, xa que buscan blindar a sanidade, ademais de buscar a reactivación económica e social de Galicia”, abundou, referíndose tamén á oferta pública de emprego de 1.000 prazas na sanidade. Ao respecto, incidiu na necesidade de que o Goberno central autorice aos servizos de saúde de toda España a convocar todas as prazas vacantes, “xa que se isto se fixese, poderiamos sacar 3.600 prazas”, precisou.
No tocante ao novo centro de saúde da Estrada, Feijóo subliñou que, cun investimento de máis de 4 millóns de euros, conseguiuse aumentar case nun 30% a superficie asistencial que ten o centro de saúde actual. “Un 30% máis de superficie para atender ao mes preto de 10.000 consultas xerais, preto de 10.000 de enfermaría e preto de 2.000 de pediatría”, destacou.
Así mesmo, resaltou que esta infraestrutura pasa desde hoxe a formar parte dos 77 centros de saúde novos ou reformados nos últimos anos. “E, seguiremos comprometidos coa Atención Primaria nesta lexislatura, coa construción ou renovación de 39 centros de saúde; todo isto para ir finalizando o mapa de centros de saúde da Comunidade”, garantiu, avanzando que os presupostos recollen, ademais, unha partida de máis de 3 millóns para climatización de centros de saúde; e unha partida de 20 millóns para adaptacións de centros de saúde relacionadas coa atención á covid.
Por último, recordou que os orzamentos de 2021 apostan tamén por catro fondos: un Fondo Covid, dotado con 500 millóns para sanidade, educación e as políticas sociais; un Fondo Consenso, con 100 millóns de euros para financiar os proxectos de reactivación económica acordados no marco da Comisión parlamentaria de reactivación, do Diálogo Social e nas recomendacións do Comité de expertos económicos; e un Fondo REACT-EU.
“E inclúen tamén un Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias, de carácter plurianual e dotado con 105 millóns no ano 2021, co obxectivo de financiar durante toda a lexislatura a construción e reforma das infraestruturas sanitarias”, concluíu.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss